Ir o contido principal

David Attenborough recolle este xoves nun acto público o Premio Fonseca de divulgación científica

Attenborough recibiu este xoves o Premio Fonseca
Attenborough recibiu este xoves o Premio Fonseca
Mostrouse “impresionado” polo “alto nivel” dos estudantes de Bioloxía da USC, tras manter un encontro con eles

O naturalista David Attenborough (Reino Unido, 1926), un dos pioneiros en realizar documentais de natureza, recolle este xoves en Compostela o Premio Fonseca que convocan conxuntamente a USC e o Consorcio ao amparo do Programa ConCiencia. Este divulgador científico inglés colle así o relevo de Stephen Hawking e James Lovelock na consecución dun galardón que chega á súa terceira edición. Attenborough participa nunha serie de actos na Universidade -condición sine qua non para recibir o premio dotado con 6.000 euros netos- que rematan coa entrega, este xoves ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia, do correspondente diploma acreditativo do galardón e unha reprodución en bronce de Alonso III de Fonseca deseñada polo escultor Ramón Conde. Nesa cerimonia pública, na que pronunciará a conferencia ‘Paxaros do Paraíso’, participarán ademais o reitor da USC, Juan Casares, o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; e o director de ConCiencia, Jorge Mira. O presentador británico reuniuse este mércores con estudantes e persoal investigador da Facultade de Bioloxía, encontro do que ha saíu “gratamente impresionado polo alto nivel das cuestións formuladas”. “Vese que están moi concienciados cos problemas do Planeta, algo a valorar nun momento no que falta vocación entre a xuventude universitaria”, declarou. Cinco décadas de dedicación Existen poucos lugares no globo que Attenborough non visitase na súa ansia por describir a vida no planeta. Comezou a súa carreira na BBC en 1952 dando o salto ás expedicións por todo o mundo que o farían famoso coa serie Zoo Quest (1954-1964) na que daba renda solta á súa paixón por capturar as pegadas da vida salvaxe no seu hábitat natural. Mais é a partir de 1979 cando se consagra como a principal figura mundial na realización de programas de televisión sobre natureza. Nese ano dirixiu e presentou a serie máis ambiciosa que xamais se fixera sobre a vida animal, Life on Earth da BBC, vista por máis de 500 millóns de persoas e que marcou un antes e un despois na divulgación científica na televisión. A estas seguíronlle outras moitas da serie Life, da Unidade de Historia Natural da BBC, nas que se amosaba a vida natural como nunca antes e non exenta de polémica (con imaxes de baleas asasinas cazando leóns mariños ou chimpancés matando monos doutras especies). Cunha carreira profesional de case cinco décadas, Attenborough é hoxe unha figura respectada dos programas sobre natureza e historia natural de tal maneira que, por exemplo, existen catro especies de animais e plantas que levan incorporado o seu nome: o dinosauro Attenborosaurus conybeari, o peixe fósil Materpiscis attenboroughi, o equidna Zaglossus attenboroughi e a planta filipina Nepenthes attenboroughii. Á marxe desa actividade, Attenborough destaca tamén polo seu importante rol directivo na televisión británica. Entre 1965 e 1968 dirixiu a BBC Two e o ano seguinte pasou a ser director de Programación da BBC ata 1972. En 1973, cando o seu nome soaba con forza como director xeral da cadea, decidiu abandonar os labores directivos e volver á súa faceta de creador de documentais e escritor. Ao longo da súa carreira recibiu os máis altos recoñecementos científicos, entre os que se atopa o Premio Descartes de comunicación da ciencia da Unión Europea na súa primeira edición e o Premio Príncipe de Asturias 2009 de Ciencias Sociais. O xurado do Premio O seu labor de divulgación, fundamentalmente a través de documentais televisivos, foi valorado o marzo pasado por un xurado composto polo ex reitor Senén Barro; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; o director de programas do Consorcio de Santiago, Xosé Denis; o director do programa Conciencia, Jorge Mira; o director do Instituto de Medicina Xenómica e Premio Jaume I de Investigación Médica, o catedrático da USC Ángel Carracedo; o director do programa Banda Ancha da Radio Galega e da revista Código Cero, Xosé María Fernández Pazos; a profesora da Universidade Politécnica de Cataluña e directora do Programa Nacional ‘Ciencia en Acción’, Rosa María Ros Ferré; e o director técnico da Casa das Ciencias da Coruña, Marcos Pérez Maldonado. No Obradoiro acompañado de Jorge Mira Estudantes e investigadores encheron a Facultade de Biooxía para escoitar a Attenborough David Attenborough recolleu o premio de mans do reitor da USC e do alcalde de Santiago

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2010.