Ir o contido principal

Mecenado

A Universidade de Santiago de Compostela impulsa diversas accións para captar fondos privados cos cales soster financeiramente o desenvolvemento de iniciativas docentes, investigadoras e socioculturais atendendo a tres grandes liñas de actuación: acordos de mecenado, iniciativas de micromecenado e promoción das cátedras institucionais.

A Lei 49/2002, do 23 de decembro, de Réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, posibilita que as achegas feitas en favor da USC sexan consideradas como accións de mecenado ao ser unha forma de participación privada na realización de actividades de interese xeral e, en consecuencia, permite ás persoas físicas ou xurídicas que as realizan acollerse a beneficios fiscais. As achegas de mecenado poden ser doazóns de cartos, de bens ou de dereitos ou prestacións gratuítas de servizos.

A USC convenia actuacións de mecenado con entidades privadas para soster financeiramente programas de actividade ao redor de catro eixos:

  • Educación, con actuacións como a dotación de bolsas de iniciación á investigación, programas de mentorías, apoio de iniciativas de responsabilidade social ou o fomento da oferta cultural e deportiva.

  • Emprendemento, con accións referidas á promoción de iniciativas empresariais, á formación en xestión empresarial innovadora ou á valorización de patentes.

  • Empregabilidade, para financiar programas de captación e retención de talento, impulsar intercambios de PDI e estudantes, mellorar as posibilidades de emprego, realizar prácticas de campo e premiar o labor docente ou investigador

  • Transformación dixital, para impulsar o desenvolvemento de novas ferramentas de comunicación coa comunidade universitaria.

A USC conta cunha estratexia de captación de fondos e recursos (bens tanxibles ou intanxibles) cun valor estimado por debaixo dos 3000 euros en modalidade de micromecenado libre ou finalista —con destino de proxectos concretos propostos polos doadores— e de financiamento colectivo para a realización de proxectos singulares propostos pola USC.

A USC desenvolveu o web Sumo Valor para dar soporte ás doazóns de micromecenado de:

  • Labores de investigación

  • Iniciativas de difusión científica

  • Promoción do deporte e actividades culturais

  • Dotación de bolsas a estudantes con baixos ingresos

  • Achegas de bens mobles inventariables

  • Financiamento de cátedras universidade-empresa

As cátedras institucionais da Universidade de Santiago de Compostela, concibidas como actividades de I+D+i, son ámbitos singulares para a reflexión, o debate, o estudo e a investigación en todas as áreas de coñecemento.

A través das cátedras institucionais quérese potenciar a relación entre a comunidade universitaria e a súa contorna económica, social e cultural, así como activar a captación de recursos externos e intensificar a colaboración entre a USC e empresas, institucións ou fundacións para desenvolver actividades complementarias nos ámbitos da docencia, a investigación ou a transferencia do coñecemento cara aos sectores produtivos.

A iniciativa para a creación das Cátedras Institucionais da USC poderá corresponder ao equipo de goberno así como ao persoal docente e investigador con vinculación permanente avalado por algún ámbito da estrutura orgánica da USC (Centros, Departamentos ou Institutos).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2025.