Ir o contido principal

Serge Haroche

Collège de France, París (Francia).
Premio Nobel de Física 2012.

Serge Haroche

Premio Nobel "por innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais".

Nado en Casablanca, trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou ao que sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Cando nos achegamos ás compoñentes máis minúsculas do noso universo, empeza a fallar o xeito no que entendemos o mundo, e fanse patentes novas regras que nos parecen sorprendentes. Nese momento entramos no reino da física cuántica. Unha desas normas indica que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento. Nos anos 80, Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Deu capturado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos, entre os cales os rebotan fotóns. Deste xeito, Haroche estudounos facendo pasar átomos a través desa trampa.

A través do seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles (algo considerado ata entón inexpugnable) senón tamén controlalos. Isto supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.

Conferencia de Serge Haroche. Programa ConCiencia 19/7/2017

Novas relacionadas