Ir o contido principal

‘Astrónomas’, unha mostra que achega a pegada das mulleres ao estudo do universo

Con esta iniciativa preténdese non só incrementar a cultura científica, tecnolóxica e innovadora na sociedade, senón, ademais, mellorar a educación científico–técnica
Con esta iniciativa preténdese non só incrementar a cultura científica, tecnolóxica e innovadora na sociedade, senón, ademais, mellorar a educación científico–técnica
Con esta iniciativa que se inaugura o mércores 29 no Colexio de Fonseca quérese fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en xeral e, entre as nenas e adolescentes, en particular
Santiago de Compostela

Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en xeral e, entre as nenas e adolescentes, en particular, é a meta da exposición ‘Astrónomas’ centrada nas mulleres que dedicaron a súa vida ao estudo da astronomía e que se inaugura o vindeiro 29 de setembro ás 11:30 horas no Colexio de Fonseca. Con esta iniciativa preténdese non só incrementar a cultura científica, tecnolóxica e innovadora na sociedade, senón, ademais, mellorar a educación científico–técnica en todos os niveis, especialmente entre a xente nova.

AstrónomAs

A mostra é herdeira da exposición ‘Con A de astrónomas’, creada no marco do Ano Internacional da Astronomía 2009 e que percorreu centos de centros culturais, bibliotecas e institutos de secundaria de toda España ao longo da última década. Con esta mesma finalidade, ‘Astrónomas’ conta tamén cunha versión física de dezaseis paneis explicativos que estarán dispoñibles en castelán, galego e catalán. Ademais, a súa versión dixital, que conta cun espazo web propio, inclúe información de 270 astrónomas que traballan ou traballaron nunha ou en varias das catorce disciplinas nas que se estruturou a mostra, e recolle ademais os máis variados acentos de etnias, ámbito xeográfico, categoría profesional ou diversidade funcional.

Ao acto inaugural está previsto que asistan a  vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC,  Mar Lorenzo; a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero, Eva  Aguayo; e a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez  Cendón, xunto coa comisaria da mostra Josefina F. Ling.

Mostra interactiva e materiais complementarios

Ademais da información sobre cada unha das científicas, ‘Astrónomas’ compleméntase con diversos materiais que inclúen unha contextualización da astronomía con outras ciencias, a súa relación co cinema, literatura, ou arte; cadernos pequenos pedagóxicos que se poden descargar, xogos interactivos, podcast e vídeos. Todo iso arroupado por unha banda sonora orixinal composta por Paula Espinosa. 

A exposición ‘Astrónomas’ foi realizada por un grupo interdisciplinario de persoas tanto do ámbito da astronomía como da historia da ciencia e da docencia en distintos niveis, e grazas á colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación. A Sociedade Española de Astronomía é un dos patrocinadores da exposición. A mostra presencial estará dispoñible no Claustro Alto do  Colexio de Fonseca durante un mes, do 29 de setembro ao 29 de outubro. Poderase visitar de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2025.