Ir o contido principal

Atopan un texto científico inédito do astrónomo Ramón María Aller Ulloa

Atopan un texto científico inédito do astrónomo Ramón María Aller Ulloa
Atopan un texto científico inédito do astrónomo Ramón María Aller Ulloa
Atopan un texto científico inédito do astrónomo Ramón María Aller Ulloa

Un texto inédito manuscrito de 40 páxinas de Ramón María Aller atopado recentemente nos fondos bibliográficos do Observatorio Astronómico da USC acaba de ver a luz tras a súa publicación en formato facsimilar no último número de Descubrindo. Anuario de estudios e investigación de Deza. Como explica o director do Observatorio compostelán e prologuista do facsímil, José A. Docobo, “dado o seu interese e calidade, o documento abrangue todos os requisitos para ser considerado unha publicación científica”, o que ademais convertería a este documento “a primeira publicación ao tempo que a última do currículo do sabio lalinense”. O texto agora posto de actualidade é un manuscrito de 40 páxinas titulado ‘ Paso de Mercurio por delante del disco del Sol el 14 de noviembre de 1907. Observaciones verificadas en Lalín’. Docobo destaca que tal como o propio astrónomo e matemático Ramón María Aller fixera constar, a súa primeira publicación científica data de 1912 e correspóndese coas observacións do cometa de Joannesburgo (1910a) as cales están incluídas nun traballo do Anuario do Observatorio de Madrid. Non obstante, constaba a súa participación anterior tanto na observación da eclipse de sol de 1905 como na obtención dos rexistros do tránsito de Mercurio por diante do disco solar en 1907. A existencia destes últimos estaban garantidos por unha carta de contestación de Francisco Iñíguez, daquela director do Observatorio de Madrid, aínda que das observacións en si non se tiñan referencias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2025.