Investigadores do Observatorio Astrónomico Ramón María Aller levarán a cabo unha campaña de observación de estrelas dobres en Rusia

Investigadores do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) poderán utilizar este mes o telescopio de 6 metros do Special Astrophysical Observatory da Academia de Ciencias de Rusia (SAO-RAS), logo de que o Comité de Asignación de Tempo deste centro lle outorgara seis noites de observación ao proxecto ‘Estudo das propiedades astrofísicas e dinámicas de estrelas dobres e múltiples en base a interferometría speckle, fotometría e espectroscopía’ que dirixe o profesor José Ángel Docobo. Integran este proxecto os investigadores Vakhtang Tamazian, Josefina Ling, Manuel Andrade, Pedro Pablo Campo, Iván Fernández, Jorge Gómez, Yuri Balega, e Norayr Melikian. Canto maior sexa o tamaño do espello dun telescopio, tanto maior é a capacidade do mesmo para observar obxectos febles e poder separar estrelas dobres pechadas con movemento órbital rápido, cuxo estudo proporciona resultados de alto interese para a evolución estelar. Como explica o profesor Docobo, esta é a razón de solicitar tempo de observación en grandes telescopios, sendo todas as propostas analizadas por un Comité que o adxudica atendendo a importancia dos proxectos. Estrelas dobres As estrelas dobres son pares de estrelas asociadas pola súa atracción gravitatoria, de xeito que cada compoñente describe unha órbita en torno o centro de masas do sistema. O seu estudo constitúe a principal liña de investigación do OARMA xa dende que o seu fundador introducira en España esta rama da Astronomía. Aínda que o principal punto de interese das estrelas dobres é finalmente a obtención das masas das estrelas logo de ter calculado as súas órbitas, José Ángel Docobo sinala que son moitos mais os temas de investigación relacionados con esta parte da Astronomía, como o estudo de sistemas con compoñentes variables, a detección de exoplanetas en sistemas binarios, a evolución das órbitas atendendo á perda de masa ou a interacción entre as compoñentes. OARMA
Nos últimos anos, o equipo do Observatorio da USC ten desenvolvido numerosas investigacións neste eido (www.usc.es/astro/publicaciones/publicacionesg.htm) ademais de participar activamente en postos relevantes na Comisión 26 (Estrelas Dobres e Múltiples) da Unión Astronómica Internacional. Ademais, a Circular de Información desta Comisión vénse editando no Observatorio da USC dende hai 20 anos.