Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller impulsa o Mes da Astronomía 2020 na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Imaxe de arquivo do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC
Imaxe de arquivo do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC
Ao longo de outubro, a Biblioteca acollerá obradoiros infantís, unha mostra monográfica sobre astronomía e unha actividade de observación do ceo nocturno
Santiago de Compostela

O Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC impulsa o Mes da Astronomía 2020 na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal que se desenvolverá ao longo de outubro. As actividades iniciaranse o vindeiro mércores 14 cun obradoiro infantil de astronomía dirixido a nenos e nenas de 7 a 10 anos. A actividade terá lugar no salón de actos de 18.30 a 19.30 horas. O mércores 21 de outubro, en idéntico horario, celebrarase outro obradoiro infantil de astronomía dirixido, nesta ocasión, a nenos e nenas de 11 a 14 anos.

Tamén o mércores 21, desenvolverase unha actividade de observación do ceo nocturno con telescopio, se as condicións meteorolóxicas o permiten; do contrario, trasladaríase a outro día. A actividade iniciarase ás 20.00 horas no salón de actos cunha breve explicación sobre o que as persoas participantes van poder avistar. A continuación, procederase no exterior da biblioteca á observación dos astros a través do telescopio, cunha duración aproximada dunha hora.

As persoas interesadas poderán recoller a invitación para estas actividades no mostrador de Información da biblioteca a partir das 17.30 horas. O número máximo de participantes nas actividades é de quince persoas.

Coa finalidade de completar este mes astronómico, a Biblioteca ofrece na sala infantil dende o 5 ata o 31 de outubro a mostra bibliográfica ‘Astronomía’ na que amosa os fondos que posúe sobre esta materia para os máis pequenos e pequenas.

Estas actividades enmárcanse dentro do congreso público ‘Astronomía nas rutas xacobeas’ que está impulsando o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller dende xullo cunha morea de actividades en distintos concellos galegos, alén de sesións en León, Burgos e Nájera en A Rioxa. Antes do remate deste mes, haberá outra sesión do congreso en Pamplona. A financiación do congreso acadouse nunha convocatoria pública de Turismo Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2025.