O Observatorio Astronómico Ramón María Aller detecta un bólido en dirección leste

Unha pedra cósmica denominada meteoroide, que pode ser produto da colisión entre asteroides ou restos de núcleos cometarios, móvese nunha órbita en torno ao Sol. “Dito obxecto pode atopar á Terra no seu camiño, e coa velocidade que trae, unhas ducias de kilómetros por segundo, produce un forte rozamento coa nosa atmosfera”, explica o profesor Docobo. “Como consecuencia ponse incandescente deixando tras de si unha estela luminosa á que se denomina bólido no caso de que o seu brillo sexa polo menos como o do planeta Venus, pero pode chegar a superar o da Lúa chea, como semella que foi no caso do luns”, engade.
“Se o bólido é quen de superar o tránsito atmosférico e chega con luz a uns 15-20 km de altura , a probabilidade de que caian pedras no chan é alta e a isto é o que só hai que mencionar como meteoritos”, matiza o profesor Docobo. A masa inicial do meteoroide é determinante para a existencia de meteoritos, pero tamén inflúe se a traxectoria atmosférica é moi inclinada, como tamén o foi no caso do bólido do pasado luns.
“Saber se estamos ou non ante meteoritos, é o resultado dunha investigación científica que debe iniciarse pola provisión de testemuños especialmente de imaxes de vídeo, pero tamén polos comentarios nas persoas que escoitaron unha forte detonación, que pode asociarse co momento da ruptura do corpo cósmico”, explica Docobo. O que case pode asegurarse, tal e como apunta o director do Observatorio, é que o bólido non chegou a sobrevoar Galicia aínda que si estivo preto de facelo.
O OARMA forma parte da Rede Española de Bólidos e Meteoritos, e como tal vai ser parte activa na investigación deste suceso, tal como xa o fixo en moitos outros casos anteriores. “Entre estes cómpre destacar, por exemplo, os bólidos de xuño de 1996, de xaneiro de 2004, ou de maio de 2016, entre outros. Algúns deles incluso diúrnos, como este último que sobrevoou o Baixo Miño o dia das Letras Galegas daquel ano, ás catro da tarde”, continúa Docobo. As estacións de seguimento de bólidos da USC son operadas, alén de polo profesor José Ángel Docobo, por Pedro Pablo Campo en Santiago e Manuel Andrade en Lugo.