O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC abre este sábado en Lalín dúas exposicións

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA) inaugura este sábado 9 en Lalín dúas exposicións enmarcadas no programa TODOCOSMOS desenvolvido co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt). Están comisariadas polo profesor José Ángel Docobo e como colaboradores, Pedro Pablo Campo Díaz e José Ramón González Romay.
Coas mostras, que se inaugurarán ás 20.30 horas no Museo Ramón María Aller e que permanecerán expostas ata o 31 de marzo, conmemóranse varias efemérides. Por unha banda, na exposición ’50 aniversario da chegada do home á Lúa’ que estará no Auditorio de Lalín preténdese chegar a todos os públicos mostrando desde os inicios da astronáutica ata as misións espaciais actuais e os proxectos de futuro. Así, dá conta dos principais logros das distintas axencias espaciais, incluíndo as misións de carácter astronómico, as diferentes viaxes non tripuladas a Marte e o descubrimento de auga neste planeta, o reciente alunizaxe na cara oculta da Lúa, etc.
Xa na Casa Museo Municipal de Lalín permanecerá a mostra que conmemora o 75 aniversario do OARMA e a recuperación das instalación astronómicas do Padre Aller en Lalín. Como poderá observarse, a investigación astronómica en Galicia da man de Ramón María Aller iniciouse en Lalín a comezos do pasado século.
A exemplar produción científica do matemático e astrónomo na súa vila natal (observacións de multitude de fenómenos, edición de libros, artigos en revistas profesionais, deseño de instrumentación, creación dun observatorio, etc.) chamou a atención tanto da Universidade como do CSIC, de tal xeito que en 1943-44 se produciu o traslado de toda a súa instrumentación e biblioteca ao novo Observatorio universitario.
Con esta mostra quérese poñer en valor a extraordinaria bagaxe investigadora, académica e divulgativa do Observatorio nestes últimos 75 anos, ao tempo que busca lembrar as súas orixes en Lalín, cuxo observatorio foi recuperado en 2011.