Ir o contido principal

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, próxima parada das xornadas 'Mulleres ConFormando a Ciencia'

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, próxima parada das xornadas 'Mulleres ConFormando a Ciencia'

‘Mulleres ConFormando a Ciencia’ é o título das xornadas que a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e a Facultade de Matemáticas organizan este mes de decembro dirixidas a docentes de ensino medio, persoal docente e investigador da USC e estudantes de Matemáticas, Física, Bioloxía, Química, Enxeñarías Química e Técnica de Informática de Sistemas e Educación Social.
Logo da xornada inaugural celebrado o pasado día 1, as xornadas celebrarán unha nova sesión este xoves 11 na Facultade de Matemáticas e no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. A profesora da Área de Astronomía e Astrofísica da USC Josefina Ling será a primeira en intervir, ás 17:00 horas, presentando o proxecto ‘Ela é unha astrónoma’. Deseguido, os asistentes realizarán unha visita guiada ao Observatorio Astronómico, que se completarán en xornadas posteriores para rematar as prácticas programadas en función das condicións meteorolóxicas.
O programa terá continuidade o día 16 no Instituto Rosalía de Castro, derradeira sesión das xornadas, coa presentación de experiencias de Mulleres que ConForman Ciencia desenvoltas en centros de ensino medio e en universidades galegas. Participan nesta sesión, entre outras, a estudante de Bioloxía Sara Bernárdez Noya, primeiro premio na área de Ciencias da Terra e da Vida no ‘Certame de Novos Investigadores 2008’, e a licenciada en Matemáticas e estudante do master de Enxeñaría matemática Ana Gómez González, gañadora da Olimpíada de Matemáticas en 2003. Como colofón, presentaranse os obradoiros sobre mulleres matemáticas na historia e no teatro, cunha pequena representación dun fragmento da obra ‘Voces desde el pozo’ dedicada á matemática e astrónoma Carolina Herschel.
As xornadas están organizadas polas profesoras da USC Josefina Ling Ling, membro do Proxecto ‘Ela é unha Astrónoma’ do Ano Internacional da Astronomía 2009; M. Elena Vázquez Abal, da Comisión Mujeres y matemáticas da Real Sociedad Matemática Española; e M. Elena Vázquez Cendón, presidenta da Comisión de Educación e Promoción Científica da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2025.