O Observatorio Astronómico da USC coordina as actividades do Mes da Astronomía 2017 na Biblioteca Ánxel Casal

O director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, presentou este xoves o programa de actividades que se desenvolverá este mes na Biblioteca pública Ánxel Casal dentro do Mes da Astronomía 2017. Na presentación, tamén participou o director desta biblioteca Jesús Torres Junquera.
Un obradoiro infantil abrirá o programa de actividades o 10 de novembro dirixido a nenos e nenas de 4 a 6 anos. Desenvolveranse no Salón de Actos da Ánxel Casal para un máximo de 20 persoas en horario de 17.30 a 18.30 horas sendo precisa inscrición previa. Á semana seguinte, o venres 17, repetirase o Obradoiro para rapaces de 7 a 10 anos que, ademais, recibirán un planisferio celeste grazas á colaboración de Óptica Val. A actividade desenvolverase de 18.00 a 19.00 horas igualmente para un máximo de 20 persoas.
Xa o venres 24 será a quenda dos rapaces de 11 a 14 anos, cun obradoiro que se celebrará de 18.00 a 19.00 para un máximo de 30 persoas. Ese mesmo día está prevista unha sesión de observación do ceo nocturno cun telescopio, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan (en caso contrario trasladaríase a data de celebración). A actividade comezará ás 19.00 horas no Salón de Actos cunha breve explicación sobre o que se vai poder avistar. Deseguido, ás 19.30 horas comezará no exterior da biblioteca a observación dos astros a través do telescopio, cunha duración aproximada dunha hora. Poderán apuntarse un máximo de 50 persoas.
As persoas interesadas deberán inscribirse previamente chamando ao teléfono 881.999.401 ou directamente no mostrador do andar baixo da biblioteca. Complementando este programa de actividades, a Biblioteca ofrece na Sala Infantil, dende o día 6 ata o 30 de novembro, a mostra bibliográfica ‘Mes da Astronomía’, que amosa os fondos que a Biblioteca posúe sobre esta materia para os máis pequenos.