O Observatorio Ramón María Aller, á cabeza da investigación astronómica en España

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, o único universitario de Galicia, desenvolve unha ampla actividade científica e divulgativa ademais de contar cunha estación meteorolóxica que, en convenio coa Agencia Estatal de Meteorología, dispón unha amplísima colección de datos diarios que fan que posúa hoxe os rexistros pluviométricos máis precisos da capital de Galicia. O Observatorio que dirixe o catedrático José Ángel Docobo acaba de publicar a súa Memoria de actividade dos últimos 10 anos na que dá conta do prestixio internacional acadado en investigación, dos numerosos convenios internacionais asinados con observatorios estranxeiros, da edición da Circular de Información da Comisión 26 da Unión Astronómica Internacional (IAU) ou de ter sido sede da presidencia dunha Comisión da IAU por primeira vez en Galicia. A isto hai que sumarlle a dotación do telescopio RC de 0.62 metros de apertura, un dos maiores no ámbito universitario español, así como as cámaras ICCD e EMCCD de interferometría speckle, únicas no Estado. Referente mundial na actualidade no estudo das estrelas dobres e mútiples, o Observatorio mantén dende 2001 o catálogo propio de uso internacional OARMAC de órbitas e efemérides destas estrelas. O catálogo contén 2.188 órbitas de 1.776 sistemas binarios. Ademais, o Ramón María Aller ten instalados dende 2009 dúas estacións de captación de bólidos, unha na sede de Santiago e outra en Lugo. Coa publicación da memoria, os responsables do Observatorio queren poñer de manifesto que para manter o nivel actual de excelencia “as administracións teñen que involucrarse para garantir no futuro a existencia de institucións polivalentes coma a nosa cun claro espírito de servizo a sociedade á que nos debemos”.