Ir o contido principal

TodoCosmos, cinco anos levando a divulgación astronómica por toda Galicia

De esquerda a dereita: Jorge Gómez Crespo, José Ramón González Romay, José Ángel Docobo Durántez, María Brea Mato e Pedro Pablo Campo Díaz
De esquerda a dereita: Jorge Gómez Crespo, José Ramón González Romay, José Ángel Docobo Durántez, María Brea Mato e Pedro Pablo Campo Díaz
O programa de divulgación acaba de rematar a súa quinta edición

O programa TodoCosmos vén de rematar a súa quinta edición (2018-2019), financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), organismo dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo, esta iniciativa “é unha consecuencia de décadas de divulgación astronómica (dende 1982) por parte do Observatorio universitario, sendo herdeiro directo do programa ‘Astronomía Itinerante’ dentro do cal, con mínimos recursos, se atendían solicitudes de colexios, institutos e actividades puntuais en varios concellos e institucións galegas”.

TodoCosmos xurde en 2014 co lema ‘A Astronomía ao alcance de todos, colaboración Universidade, Concellos, Organismos públicos e Empresas’, momento no que acada financiamento na convocatoria pública da FECYT. Este apoio permitiu “unha mellor organización do programa, ofertándoo en principio a sete concellos: Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sanxenxo, e Teo”, lembra o profesor Docobo quen tamén engade que o programa puido contar así varios colaboradores do OARMA para o seu desenvolvemento. A maiores destes concellos, cos que xa existía relación anterior, iniciáronse noutros un número destacado de actividades puntuais especialmente dirixidas a distintos colectivos específicos.

Como explica José Ángel Docobo, “dado o éxito acadado, ao ano seguinte houbo que ampliar o programa a un total de doce concellos, cuxo número foi medrando ano a ano ata chegar á realización de actividades en medio centenar de municipios no último quinquenio”. Ademais, en 2015 TodoCosmos foi catalogado pola Fecyt como ‘Práctica Innovadora en Cultura Científica e posto como exemplo en convocatorias seguintes.

O éxito de TodoCosmos “débese a que leva a divulgación astronómica (presentacións, cursos, obradoiros e observacións astronómicas a simple vista e con telescopios) a todas partes e a toda a sociedade con preferencia aos colectivos mais desfavorecidos e con menos posibilidades de ter esta clase de oportunidades”, explica a modo de valoración do director do OARMA. Ademais, as actividades propostas adáptanse a todo tipo de situacións posible: aldeas, parroquias, concellos, cimas emblemáticas, lugares simbólicos, observatorios, paseos marítimos e fluviais, centros educativos de todos os niveis, asociacións, diferentes colectivos, centros penitenciarios ou centros de rehabilitación, entre moitos outros. A listaxe completa de todas as actividades desenvolvidas nos últimos cinco anos pódese consultar na web do programa (http://www.usc.es/gl/proxectos/todocosmos) así como na do propio OARMA (http://www.usc.es/astro).

Ademais, no pasado mes de marzo organizáronse en Lalín dúas exposicións conmemorativas tanto do 50º aniversario da chegada do home á Lúa como do 75º aniversario da creación do OARMA. Estas exposicións moveranse por Galicia nos vindeiros meses. Aparte da propia USC, dende o comezo, a empresa Óptica Val e o departamento de Educación do Concello de Santiago son co patrocinadores do programa. De cara á próxima edición, a Federación Galega de Municipios e Provincias xa ten confirmado o seu apoio.

O equipo que desenvolve TodoCosmos está integrado por Jorge Gómez Crespo, José Ramón González Romay, José Ángel Docobo Durántez (promotor e director), María Brea Mato e Pedro Pablo Campo Díaz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2025.