TodoCosmos chega a Rianxo e Bertamiráns

O proxecto de divulgación astronómica TodoCosmos chega este venres 16 ao colexio Ana María Diéguez de Asados (Rianxo) e o sábado 17 ás 22.30 horas estará no paseo fluvial de Bertamiráns. Nesta xornadas divulgativas que promove o Observatorio Astronómico Ramón Aller da USC os/as asistentes observarán os planetas Xúpiter, Marte e Saturno polos telescopios e recibirán información axeitada dos distintos obxectos celestes visibles estas noitas. TodoCosmos é unha actividade de divulgación astronómica que desenvolve o observatorio universitario en colaboración cos concellos de Ames, Lalín, Santiago, Ribadeo, Rianxo, Sanxenxo e Teo e financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). A iniciativa, que xa ten realizado unha primeira serie de actividades en todos os concellos participantes (colexio da Ramallosa, Os Tilos, lugar de Angrois, paseo de Silgar de Sanxenxo, ...), levou a cabo esta mesma semana charlas e observacións en Ribadeo, no colexio do Sagrado Corazón, e na parroquia de Rinlo, así como no Observatorio Astronómico de Lalín. Ademais destas accións, o programa contempla a realización de abundante material tanto didáctico como de difusión cultural.