Ir o contido principal

A USC e a Xunta co editan por vez primeira en galego Astronomía a ollo ceibe, de Ramón María Aller

A presentación do libro coincide con 50 aniversario do pasamento do seu autor

Coincidindo co 50 aniversario do pasamento do seu autor Ramón María Aller, a USC e Secretaria Xeral de Política Lingüística co editan o libro Astronomía a ollo ceibe’, tradución ao galego de Astronomía a simple vista, obra publicada en 1948. O novo volume presentarano o luns 28, a partir das 11.00 horas no Observatorio Astronómico da USC (Campus Vida), o reitor Juan Viaño e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.

Na presentación tamén está prevista a intervención do alcalde do Concello de Lalín, Rafael Cuiña Aparicio; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia do Concello de Santiago, Xan Duro Ferández; o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo Durántez; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan Blanco Valdés. A partir das 20.00 horas, xa en Lalín, está prevista a celebración dunha ofrenda floral e a inauguración dunha exposición no Museo Provincial con fotos, traballos e instrumentos do científico dezano, a que acompañarán dúas charlas de José Ángel Docobo e Cecilia Doporto.

Ramón María Aller, astrónomo e matemático, é o iniciador da investigación astronómica en Galicia dende o seu Observatorio particular en Lalín e logo como profesor de Matemáticas e catedrático de Astronomía na USC onde fundou e dirixiu o Observatorio Astronómico universitario, que dende 1983 leva o seu nome. Especialista en debuxo, reloxería, deseño de instrumentación científica, o padre Aller é lembrado non só polas súas múltiples achegas e facetas científicas, senón tamén pola súa humildade e entrañable personalidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2025.