Ir o contido principal

Vocabulario

Vocabulario do PECAS

Anana branca: obxecto que se forma na fase final da evolución de unha estrela. Despois de que a estrela expulse as súas capas exteriores, se o núcleo restante ten unha masa inferior a 1,4 veces a masa do Sol, éste se comprimirá extraordinariamente, ata que a densidade de electróns a detén, de maneira que atoparemos a masa do Sol nun obxecto do tamaño da Terra, formado por materia moi densa. Éste obxecto brilla con luz branca debido ó calor residual do núcleo hata que ó cabo de miles de anos apágase formando unha anana negra.

Ano-luz: unidade de distancia utilizada en astronomía que se define como a distancia que recorre a luz nun ano. Equivale a aproximadamente 9.460.000.000.000 km.

Asteroide: tamén chamados planetas menores, son corpos rochosos que orbitan no Sistema Solar, de tamaños variables, pero son máis pequenos cós planetas. O meirande asteroide coñecido é Ceres, de 914 km. de diámetro, e só se coñecen 16 que igualen ou superen os 240 km. de diámetro. A maioría de eles atópanse no cinturón principal, situado entre Marte e Xúpiter, aínda que podemos atopalos por todo o Sistema Solar.

Astrofísica: parte da física orientada ó estudio das estructuras físicas das estrelas, sistemas estelares, materia interestelar, e procesos astronómicos.O seu desenrolo foi posible grazas ós avances logrados pola espectrocopía e a fotografía cara finais do século XIX.

Astronomía: rama da ciencia que se ocupa do estudio do cosmos e dos obxectos que nel se atopan.

Austral: que fai referencia ó hemisferio sur.

Bólido: meteoro con un brillo superior ó das estrelas fugaces habituais, de magnitude inferior a –3, que deixa unha estela persistente ó seu paso e que pode chegar a fragmentarse ou estoupar.

Boreal: que fai referencia ó hemisferio norte.

Buraco negro: é un obxecto moi denso que se forma na fase final da evolución dunha estrela de gran masa. Cando ésta expulsa as súas capas exteriores, se o seu núcleo ten unha masa de polo menos 3 veces a masa do Sol, colápsase sobre si mesmo de xeito que teóricamente quedaría reducido a un punto sen dimensións. Debido á atracción gravitatoria que produce, todo o que se aproxime a unha determinada distancia do buraco negro, chamada horizonte de sucesos, non pode escapar, nin siquera a luz, polo que no interior dese horizonte é imposible observa-lo que sucede, de aí o nome de buraco negro.

Catálogos astronómicos: son listas de corpos celestes, xeralmente incluindo as súas características principais. Hai catálogos de diferentes tipos de obxectos, aínda que os que utilizamos no curso son o de Messier e o Novo Catálogo Xeral, ámbolos dous de obxectos difusos (nebulosas, galaxias, cúmulos...). Os obxectos desígnanse coas iniciais do catálogo seguidas dun número (p. ex. M42, NGC869).

Choiva de estrelas: as choivas de estrelas son fenómenos astronómicos que se producen cando a Terra atravesa os restos da cola dun cometa, o que produce que durante uns días vese un grande número de meteoros, que parecen irradiar todos dun punto chamado radiante.

Cometa: son obxectos que xiran ó redor do Sol, xeralmente con órbitas moi elípticas. Están compostos de rocha e xeo, que ó acercarse ó Sol despréndense, formando unha envoltura de gas e po chamada cabeleira ou coma, e que por acción do vento solar é expulsada en sentido contrario ó Sol formando as colas do cometa. A maioría deles proveñen das rexións máis externas do Sistema Solar, coñecidas como Cinturón de Kuiper e Nube de Oort.

Constelación: agrupación aparente de estrelas, feita dende a perspectiva óptica da Terra, aínda que as estrelas que as conforman non están relacionadas por proximidade nin atracción gravitatoria. As constelacións observables dende o hemisferio norte están relacionadas coa mitoloxía clásica helena.

Cosmoloxía: parte da astronomía que se ocupa do estudio do universo na súa totalidade, da súa formación e da súa evolución.

Cúmulo: agrupación de estrelas ligadas pola súa mutua atracción gravitatoria. Hai de dous tipos: globulares, nos que as estrelas se apiñan nunha forma esferoidal, e no que podemos atopar dende decenas de miles a millóns de estrelas moi antigas; e abertos, que non presentan unha forma definida e podemos atopar dende varias decenas a centenares de estrelas xeralmente novas.

Eclipse: fenómeno astronómico no que un corpo se interpón entre outros dous. Xeralmente aplícase ó caso no que a Terra interpónse entre o Sol e a Lúa (eclipse de Lúa) e a cando a Lúa interpónse entre o Sol e a Terra (eclipse de Sol).

Eclíptica: plano da esfera celeste que representa a traxectoria aparente do Sol ó longo do ano. Preto da eclíptica observaremos sempre o Sol, a Lúa e os planetas. Recibe ese nome porque en dito plano é onde se producen os eclipses.

Ecuador celeste: plano da esfera celeste que resulta de prolongar o ecuador da Terra.

Equinoccios: puntos de corte do ecuador celeste coa eclíptica. Son o punto Aries e o punto Libra. Polo primeiro pasa o Sol cara o 21 de marzo (comezo da primaveira boreal) e polo segundo en torno ó 23 de septembro (comezo do outono boreal). Nestes días a duración do día é igual á da noite.

Estrela: é un obxecto celeste composto de gas (na súa maioría hidróxeno) que brilla debido á enerxía desprendida polas reaccións de fusión que se producen no seu núcleo, que transforman materiais lixeiros noutros máis pesados, principalmente hidróxeno en helio.

Estrela de neutróns: é o terceiro tipo de obxecto que se pode formar na fase final da evolución das estrelas, cando o núcleo restante ten entre 1,4 e 3 veces a masa do Sol. Neste caso a contracción detense debido ós neutróns, quedando un obxecto de masa maior á do Sol que ten o tamaño dunha cidade. Moitos emiten raios X e xiran sobre si mesmos a grande velocidade, polo que se detectan como fontes de pulsos de raios X, e se denominan púlsares.

Estrela dobre: son dúas estrelas próximas que están ligadas pola súa mutua atracción gravitatoria e xiran en torno ó centro de masas de ambas. Son maioría na nosa galaxia (en torno ó 60%), e existen tamén sistemas múltiples con tres ou máis estrelas. Pódense clasificar segundo o medio de detectalas en: visuais, si poden verse separadas por medios ópticos, eclipsantes, se se observa unha variación no seu brillo debido a que se eclipsan cada certo tempo, e espectroscópicas, nas que hai que recurrir ó estudo do espectro electromagnético da luz que emiten.

Esfera celeste: é unha esfera imaxinaria que se sitúa coa Terra no seu centro e sobre a que se proxectan os obxectos que observamos no ceo. Utilízase como referencia para realizar medicións de coordenadas e facer mapas celestes.

Galaxia: corpo celeste no que se atopan, unidos pola atracción gravitatoria de todo o conxunto, un grande número de obxectos máis pequenos, como estrelas, nebulosas, planetas... Os seus tamaños varían enormemente, dende galaxias con millóns de estrelas hata galaxias con centos de miles de millóns de estrelas. Según a súa forma se clasifican en elípticas, espirais, espirais barradas e irregulares.

Lei de gravitación: lei formulada por Isaac Newton en 1687, que establece que dous corpos atráense cunha forza proporcional ó producto das súas masas e inversamente proporcional ó cadrado da distancia que os separa.

Lei de Titius-Bode: regla aritmética que da a distancia dos planetas ó Sol medida en unidades astronómicas, e que consiste en toma-la serie de números 0, 3, 6, 12... na que cada número é o dobre que o anterior (agás o 0 e o 3), sumarlle 4 a cada número e dividilos por 10. Estas cantidades aproximan bastante ben as distancias dos primeiros planetas, aínda que os máis lonxanos (Neptuno e Plutón) xa teñen distancias que non se corresponden coas asignadas pola lei.

Leis de Kepler: son tres leis enunciadas por Johannes Kepler en 1609 (as dúas primeiras) e 1619 (a terceira) que describen o movemento dos planetas ó redor do Sol. A primeira di que os planetas describen órbitas elípticas co Sol nunho dos focos da elipse. A segunda di que o radio-vector que une o planeta co Sol percorre áreas iguais en tempos iguais. A terceira di que o cocente entre os cadrados dos periodos orbitais de dous planetas é igual ó cocente entre os cubos dos seus semieixos maiores.

Magnitude: medida do brillo aparente dun corpo celeste. Canto menor sexa o valor da magnitude, máis brillante será o obxecto (por exemplo, a magnitude do Sol é de –26,8 mentres que a de Aldebaran é de 1,1), non é unha escala lineal, senón que por cada cinco incrementos de magnitude, o brillo divídese por 100.

Mecánica celeste: é a parte da astronomía que estudia o movemento dos corpos celestes e as leis que o rixen.

Meridiano do lugar: é un arco imaxinario que se traza na esfera celeste en dirección norte-sur pasando polo zénit.

Meteorito: son os restos dun meteoroide que non se desintegra completamente na atmósfera e que chega á superficie terrestre.

Meteoro: é a estela luminosa que deixa un meteoroide ó entrar na atmósfera e desintegrarse nela. Chámanse tamén estrelas fugaces, ou bólidos os de maior tamaño.

Meteoroide: pequenos anacos de rocha e po que se atopan no espacio, e que ó entrar na atmósfera orixinan os meteoros.

Nebulosa: xigantescas nubes de gas interestelar. Hai de catro tipos, de emisión, que emiten luz debido a que as estrelas que hai no seu interior quentan o gas, e nas que se están formando estrelas; de absorción, que non emiten luz e que detectamos porque ocultan a luz de obxectos situados detrás delas; de reflexión, que podemos observar porque reflicten e dispersan a luz de estrelas próximas; e planetarias, que son as capas exteriores que expulsou unha estrela vella e que conservan parte do calor que tiñan cando formaban parte da estrela, polo que aínda brillan.

Pársec: unidade de distancia usada en astronomía, e que equivale a 3,26 anos-luz.

Planeta: corpo celeste de menor tamaño e masa ca unha estrela e que non emite luz propia, senón que reflicte a da estrela en torno á que xira. Hai diferentes clasificacións dos planetas, unha das cales podería ser: rochosos (coma a Terra) e xigantes gaseosos (coma Xúpiter). Os planetas non pertencentes ó Sistema Solar chámanse extrasolares, e actualmente se coñecen preto de 200.

Planisferio: representación plana da parte da esfera celeste que se pode observar dende un determinado lugar, e que permite determinar que parte se pode ver e cal non en cada intre.

Punto Aries: é un dos puntos de corte do ecuador celeste coa eclíptica. O Sol pasa por el no equinoccio de marzo.

Satélite: un satélite é un corpo que orbita ó redor dun de maior masa. Xeralmente aplícase este termo ós corpos que xiran en torno ós planetas. Pódense dividir en naturais e artificiais.

Solsticios: puntos da eclíptica situados na perpendicular dos equinoccios. Hai dous, por un o Sol pasa sobre o 21 de xuño (comezo do verán boreal) e polo outro cara o 22 de decembro (comezo do inverno boreal).

Telescopio: aparato óptico que se utiliza en astronomía para observa-los astros. Un telescopio ten dúas partes esenciais: o obxectivo (que forma a imaxe) e o ocular (que a amplía). Hai varios tipos de telescopios, sendo os principais refractores, que utilizan lentes no obxectivo, reflectores, que utilizan espellos e catadióptricos, que utilizan espellos e unha lente correctora.

Tempo sidéreo: sistema de medida de tempo que toma como referencia un punto fixo da esfera celeste (o punto Aries). Defínese un día sidéreo como o tempo que transcorre entre dous pasos consecutivos dese punto polo meridiano do lugar.

Tempo solar: sistema de medida de tempo que toma como referencia ó Sol. Defínese un día solar como o tempo que transcorre entre dous pasos consecutivos do Sol polo meridiano do lugar.

Tempo universal: sistema de medida de tempo que se utiliza como referencia para establece-lo horario civil de tódalas rexións do planeta. É o tempo solar no meridiano de Greenwich. No noso país o horario civil ten unha hora máis en outono e inverno e dúas horas máis en primaveira e verán que o tempo universal.

Unidade astronómica: unidade de distancia utilizada en astronomía, principalmente para distancias dentro do Sistema Solar. Defínese como a distancia media entre a Terra e o Sol. Equivale a uns 150.000.000 km.

Unión Astronómica Internacional: organismo internacional que se encarga de promocionar e coordina-la investigación astronómica a nivel global. Está organizada en 12 divisións científicas, e dentro delas 37 comisións máis especializadas, ademáis de 90 grupos de traballo. O Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller encárgase de publica-la circular da comisión 26, encargada das estrelas dobres e múltiples.

Xigante vermella: estrela de grande tamaño que poden chegar a alcanzar un tamaño de millóns de veces o do Sol. Emite luz vermella, debido á súa menor temperatura superficial (3000ºC-4000ºC). Son o preludio da fase final da evolución das estrelas. Orixínanse cando unha estrela agota todo o hidróxeno do seu núcleo e comeza a fusionar helio e outros materiais máis pesados ó contraerse o núcleo. Durante a súa fase de xigante vermella as estrelas son inestables, con contraccións e expansións hata que expulsan as súas capas exteriores, as de maior tamaño de forma catastrófica nas xigantescas explosións chamadas supernovas.

Zénit: é un punto imaxinario da esfera celeste que se atopa na vertical de onde nos encontremos, é dicir, o punto que temos xusto enriba das nosas testas. É polo tanto distinto para cada lugar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2025.