O investigador Ignacio Insua López, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) ofrece o mércores 12 de febreiro na Facultade de Química a conferencia 'Auto-ensamblaxe de péptidos: un Lego molecular'. Será a partir das 13.00 horas na Aula Magna, dentro do ciclo 'Reactiva a túa química'.
Ignacio Insua é licenciado en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Química pola University of Birmingham (Reino Unido). A súa tese enfocouse no desenvolvemento de nanopartículas antimicrobianas obtidas por ensamblaxe supramolecular de polímeros e péptidos. A comezos do 2023, Ignacio estableceu o seu propio laboratorio centrado no deseño racional e síntese de péptidos como monómeros supramoleculares para a fabricación de nanomateriais.
A súa investigación está enfocada cara a unha aplicación biomédica, incluíndo o uso de nanoestruturas como axentes citotóxicos (antimicrobianos e antitumorais) e a fabricación de células sintéticas mínimas ou protocélulas. En 2024, Ignacio obtivo o apoio do European Reseach Council mediante unha Starting Grant para desenvolver unha nova xeración de antibióticos supramoleculares.
Conferencia de Ignacio Insua: 'Auto-ensamblaxe de péptidos: un Lego molecular'
12.02.2025 | 13.00h