Ir o contido principal

Olimpíada Informática Galega 2025

15.02.2025 | 10.00h
Escola Técnica Superior de Enxeñaría. FOTO: Santi Alvite
Escola Técnica Superior de Enxeñaría. FOTO: Santi Alvite

A Olimpíada Informática Galega 2025 (OIG 2025), organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) coa colaboración da USC, as universidades de Vigo e A Coruña e o CITIC, desenvolverase o sábado 15 de febreiro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, en horario de 10.00 a 14.30 horas. O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións no eido da informática.

A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.

O prazo de preinscrición para participar na OIG 2025 está aberto ata o 22 de xaneiro. O certame permitirá seleccionar dúas persoas en representación de Galicia para participar na XXIX Olimpíada Informática Española (OIE), que terá lugar do 4 ao 6 de abril de 2025 na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, primeira vez que a olímpiada española se celebra en Galicia. Desde aí, as persoas gañadoras poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se desenvolverá en setembro de 2025 en Bolivia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.01.2025.