Ir o contido principal

Presentación da versión galega do dicionario médico básico para nenas e nenos ‘Diximed’

22.11.2024 | 12.30h

Santiago de Compostela
Aula Castelao

O 'Primeiro dicionario de medicina ilustrado' explica os conceptos básicos relacionados coa saúde infantil cunha linguaxe adaptada ao seu nivel de comprensión

As definicións acompáñanse de debuxos que representan os termos.
As definicións acompáñanse de debuxos que representan os termos.

Un grupo de investigación da Universidade Pompeu Fabra dirixido pola profesora Rosa Estopà elaborou en 2019 o Primeiro dicionario de medicina ilustrado, un dicionario médico dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que explica os conceptos básicos relacionados coa saúde infantil cunha linguaxe adaptada ao seu nivel de comprensión.

Posteriormente esta obra pasou a un soporte virtual conformando o proxecto Diximed’ dispoñible en catalán e castelán. Para ir completando a oferta de idiomas e así facilitar que todos os nenos e nenas accedan en igualdade de condicións a este dicionario, a profesora Rosa Estopà propúxolle ao Servizo de Normalización Lingüística da USC a elaboración dunha versión galega. Deste xeito, o servizo universitario encargouse da tradución dos textos mentres que o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP López Ferreiro, de Santiago de Compostela, foi o responsable de ler e gravar as propias definicións, que ademais de lidas poden ser escoitadas.

Esta versión galega do Diximed presentarase o venres 22 ás 12.30 horas na Aula Castelao da Facultade de Medicina nun acto ao que, ademais do alumnado compostelán implicado, participará o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, e a responsable do proxecto, a profesora Rosa Estopà.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2024.