Está organizado desde a Cátedra Economía da Ciberseguridade USC-INCIBE
O primeiro seminario da Cátedra Economía da Ciberseguridade USC-INCIBE terá lugar este xoves 21 de novembro no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) a partir das 12.30 horas. María Purificación Cariñena Amigo, profesora da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC e colaboradora da Cátedra de Economía da Ciberseguridade impartirá este seminario, título 'Introdución á ciberseguridade: principios e boas prácticas', cunha hora de duración e dirixido a estudantes de todas as áreas, con especial énfase naquelas persoas que utilizan redes sociais e dispositivos conectados.
A charla ofrecerá unha visión global sobre os piares fundamentais da ciberseguridade: confidencialidade, integridade e dispoñibilidade, así como os principais mecanismos de defensa fronte aos distintos tipos de ameazas a cada unha destas dimensións. Introdúcense ademais un conxunto de principios e boas prácticas relacionados co comportamento dixital dos usuarios, en particular: seguridade e privacidade nos dispositivos, na navegación web, e nas redes sociais.
A inscrición pode facerse a través do seguinte formulario: https://forms.office.com/e/FCvyiT1KwA?origin=lprLink