Con Paula Quintas e Héctor Álvarez
A sede do IGFAE acolle unha nova edición do ciclo Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia. Nesta ocasión, o investigador Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas compartirán co público asistente o proceso de creación do seu proxecto Mundo Quark. Danza Cuántica, desenvolvido este ano coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a comisión de festas do barrio compostelán de San Pedro. Esta iniciativa artística parte do Modelo Estándar para representar as partículas elementais e as interaccións entre elas a través da danza e o movemento corporal, explorando as interseccións entre ambas disciplinas.
O ciclo de diálogos Transfronteirizas, que xa suma máis dunha ducia de sesións, reúnen a figuras do eido cultural para explorar as interseccións entre a arte e a ciencia xunto ao persoal investigador do IGFAE. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa ArtLAB, que pretende tender pontes e fomentar a participación entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artísticas.
Sobre os participantes
Paula Quintas (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Ten un mestrado en artes escénicas pola Universidad Rey Juan Carlos e investiga os límites e as confluencias das artes corporais, dentro do Programa de Doutoramento en creación e investigación na arte contemporánea, na Universidade de Vigo. O seu traballo destaca polo diálogo entre o corpo e o movemento, xerando un compoñente visual e experiencial a través de códigos contemporáneos.
Héctor Álvarez Pol (Ribas de Sil, Lugo, 1972) é profesor no Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do IGFAE, e move o seu corpo a ritmo de tango. Introducirá os asistentes nos elementos básicos e as interaccións fundamentais da física como ferramentas centrais na conversa coa danza contemporánea.