260 alumnos de secundaria e Bacharelato participan no SUG nas probas da VII Olimpíada Galega de Xeoloxía
Un total de 260 estudantes (deles 45 en Santiago e 60 en Lugo) de secundaria e Bacharelato de 22 centros de toda Galicia participaron nas probas das distintas fases provinciais da VII Olimpíada Galega de Xeoloxía, un certame promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET) en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos, cuxas probas en Galicia se desenvolveron de xeito simultáneo este mércores na Escola Politécnica Superior de Lugo, na Facultade de Bioloxía de Santiago, na Facultade de Ciencias de Ourense e na ETSE de Minas, en Vigo.
O alumnado de primeiro de Bacharelato no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes da capital luguesa liderou a fase provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía e acadou os tres primeiros postos dun certame que citou na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo 60 estudantes dos IES María Sarmiento de Viveiro (14), IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo (18), IES Gregorio Fernández de Sarria (15) e IES Xoán Montes de Lugo (12). Todos os participantes inscritos están a cursar ou xa completaran a materia de Xeoloxía nos seus respectivos centros educativos de procedencia. Raquel Peña Romero proclamouse gañadora provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía e acadou así a súa clasificación para a fase nacional do certame. O seu compañeiro de curso no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes Borja Núñez Gómez, que rematou segundo, tamén logrou o pase para a fase nacional. Mentras, Antón Salvador Ríos, tamén do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, rematou terceiro na fase provincial dun dun torneo, cuxo xurado outorgou un accésit a Andrea García Miragaya, alumna de cuarto curso da ESO no IES Xoán Montes de Lugo. O equipo do IES María Sarmiento de Viveiro integrado por Ainoa García Bellas, Abrahan García Pena, Samuel Albo Carballeira, Óscar Gómez Murado e María Isabela Soreanu, acadaron o premio correspondente ao equipo que acadou maior puntuación no conxunto das probas desenvolvidas. No caso da Coruña, as probas da fase provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía, que se celebraron na Facultade de Bioloxía, congregaron 45 participantes. O alumno de primeiro de BAC do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela Ángel García Pérez proclamouse campión provincial do torneo, seguido dos seus compañeiros de centro Martín Manuel Chaves Fraga e Marta Prieto Señarís, segundo e terceira, respectivamente. Asemade, a alumna de 4º de ESO no IES Brión Belén Moldes Pais recibiu un accésit. Unha vez completado o desenvolvemento das fases provinciais desta olimpíada de xeoloxía, os organizadores acordaron que Ángel García Pérez, Raquel Peña Romero e Borja Núñez Gómez xunto cos representantes de Vigo e Ourense constituirán a representación galega na fase española que, convocada un ano máis polo Colexio de Xeólogos, a Sociedade Xeolóxica Española e a Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT), que terá lugar o día 9 de abril en Jaca (Huesca). De aí sairá a selección que competirá na fase internacional, que será en outono en Mie (Xapón). Desenvolvemento da fase provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía A subdirectora de Prácticas Externas e Orientación Laboral da EPS, Rosa Romero Franco; a profesora do Departamento de Edafoloxía e Química da USC e coordinadora deste certame no campus de Lugo, Esperanza Álvarez; e Belén Pérez, en representación da AEPCT darán a benvida a todos os participantes inscritos na fase provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía.
Ao remate desta sesión, que se desenvolveu no salón de actos da EPS, os participantes inscritos comezaron a realizar as probas en grupo programadas neste certame. Xa en quenda de tarde, cada un dos participantes enfrontouse ás probas tipo test. Unha vez rematados os exercicios, o comité avaliador procedeu á cualificación dos mesmos e á correspondente entrega de premios, un acto ao que tamén asistiron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director da EPS, Tomás Cuesta, e o coordinador do programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’ no campus de Lugo, Francisco Javier López, ademais doutros profesores colaboradores.
Alumnos e docentes, nas probas da fase provincial da VII Olimpíada de Xeoloxía celebradas na Facultade de Bioloxía de Santiago