O 30% dos doentes de cancro de pulmón en fase avanzada carece de síntomas
Preto dun 30% dos pacientes con cancro de pulmón en fases avanzadas non presentaba ningún síntoma no momento do seu diagnóstico. Así o conclúe a análise de máis de 9.800 casos de pacientes con esta enfermidade en España diagnosticados entre 2016 e 2019 e procedentes do Rexistro de Tumores Torácicos do Grupo Español de Cancro de Pulmón (GECP). O profesor da USC Alberto Ruano Raviña é o primeiro asinante do artigo ‘Lung cancer symptoms at diagnose: results of a nationwide registry study’ publicado por ESMO Open, Revista da Sociedade Europea de Oncoloxía e que confirma a falta de especificidade dos síntomas deste tipo de cancro.
O de pulmón é actualmente a principal causa de morte por cancro en España con máis de 30.000 novos casos diagnosticados cada ano. A pesar da súa alta incidencia e mortalidade, existen poucos estudos que analicen os síntomas que presentan os pacientes no momento do diagnóstico, “un aspecto chave xa que este é un dos tumores con peores datos de detección en fases temperás”, explica o profesor Ruano, coordinador de epidemioloxía do GECP. Mediante esta investigación ábrese a porta a considerar que a ausencia dos síntomas máis frecuentes como tose, dor ou disnea, “en ningún caso debe levar á decisión de descartar a presenza desta enfermidade durante un proceso de diagnóstico”, apunta o doutor Mariano Provencio, co-autor principal da investigación.
Con independencia do tabaquismo
Do total de pacientes analizados polo GECP, un 74% foron homes cunha media de idade de 64 anos. O estadio IV (avanzado) foi o máis frecuente no diagnóstico (46,6%). Nestas fases avanzadas, o síntoma máis habitual é a tose (33,9%), seguida da dificultade para respirar (26,7%); aínda que como se destaca na investigación, o 27,7% dos pacientes neste estadio non presentaron síntomas no intre do diagnóstico. “Esta porcentaxe aínda é maior no caso do diagnóstico en fases temperás, xa que no 59% dos casos non houbo ningún síntoma”, continúa Ruano. “Ademais non existen diferenzas na presentación de síntomas en canto a se o paciente tiña ou non historial de tabaquismo”, asegura o doutor Provencio, presidente do GECP.
Con este estudo, os investigadores destacan que o cancro de pulmón non conta con ningún síntoma predominante claro, mesmo en etapas avanzadas. A pesar de que a presenza de síntomas aumenta en función do avance do tumor, menos do 50% de todos os pacientes en estadio IV teñen só un ou dous síntomas no momento do diagnóstico. Asemade, non houbo diferenzas entre fumadores e non fumadores en canto á presenza de síntomas, ou no número de síntomas presentes no momento do diagnóstico. Os casos analizados neste estudo proceden do Rexistro de Tumores Torácicos do GECP, a primeira base de datos sobre esta patoloxía aberta en España. Na actualidade o GECP xa incluíu máis de 16.500 casos de cancro de pulmón procedentes de 78 centros hospitalarios de todo o Estado.