Ir o contido principal

Aberta ata o 21 de febreiro a inscrición na segunda edición do Hackathon Social-Tech

Cartel da iniciativa
Cartel da iniciativa
Trátase dunha experiencia de innovación aberta que busca involucrar o alumnado no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e sostibles aos retos formulados en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

Calquera estudante da USC, xa sexa de grao, mestrado ou doutoramento, pode participar na segunda edición do Hackathon Social-Tech, experiencia de innovación aberta que busca involucrar o alumnado no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e sostibles aos retos formulados en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). A resolución das situación propostas deberá resolverse nun período de tempo limitado, traballando en equipos multidisciplinares e cunha metodoloxía intensiva e presencial. As solucións estarán encadradas no ámbito do emprendemento social, a sustentabilidade e o potencial da tecnoloxía para resolver retos sociais.

As persoas interesadas deberán cubrir a correspondente solicitude de inscrición antes das 23.59 horas do 21 de febreiro. A actividade está limitada a 24 prazas. O termo Hackathon resulta da unión dos conceptos ‘maratón’ e ‘hacker’, e refírese a unha experiencia de innovación aberta que busca alcanzar unha meta común de forma colaborativa, nun período curto de tempo. As persoas participantes desenvolverán habilidades transversais, como a innovación, a comunicación e o traballo en equipo ou habilidades dixitais, todas elas competencias chave para futuros postos de traballo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2023.