Aberta a matrícula para unha nova edición do Curso de Formación Básica en Voluntariado
O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC desenvolverá entre setembro e outubro en Santiago unha nova edición do Curso de Formación Básica en Voluntariado que permitirá aos universitarios un mellor servizo na organización non lucrativa na que colaboren e un maior aproveitamento persoal das súas actividades. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 17 do presente mes. A realización do curso, recoñecido con dous créditos ECTS, permite obter ademais o recoñecemento académico polas colaboracións nas actividades de participación social. As xornadas terán lugar na Facultade de Bioloxía os días 19, 20, 26 e 27 de setembro e o 3 e 4 de outubro agrupadas en nove módulos que achegan ao marco de referencia no que se desenvolve unproxecto de voluntariado para así coñecer os principios da acción voluntaria e diferentes experiencias desde o punto de vista das organizacións e das persoas voluntarias. As temáticas a abordar incidirán en aspectos relativos á atención á diversidade, voluntariado e idade, inclusión social cooperación e educación para o desenvolvemento, voluntariado e saúde, medioambiente e TIC e participación social. As propostas das organizacións en cada ámbito correspóndense coas actividades e organizacións que propoñen accións en cada campus. Así, en Santiago coñeceranse as experiencias do WOMEX 2014, de Cidades sen Fronteiras, da Cociña Económica, da Oficina de Coordinación de Transplantes, da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, da Asociación Os Tilos e Agadea, de Sarela e de Voluntariado Dixital.