Ir o contido principal

A abordaxe dun sistema silvopastoral no monte público de Rascalobos gaña o premio Rafael Crecente de xestión territorial

Piñeiral da especie proposta no proxecto gañador
Piñeiral da especie proposta no proxecto gañador
O autor do traballo, Alejandro Álvares Fernández, recollerá o galardón nun acto público que se desenvolverá o vindeiro 25 de novembro, ás 18.30 horas, no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC

Establecemento dun sistema silvopastoral no monte público de Rascalobos (Traba de Laxe, A Coruña) é o título do traballo polo que Alejandro Álvarez Fernández acaba de ser recoñecido co primeiro dos tres premios que cada ano o Campus de Lugo outorga na honra do profesor Rafael Crecente, finado en 2015. Estes galardóns que chegan xa á súa sétima edición teñen como obxectivo impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en Galicia.

Ademais deste primeiro premio dotado con 2.000 euros, o ditame do xurado tamén recoñeceu o traballo titulado Avaliación do comportamento do lume potencial en rodais de piñeiro de Lucía Gómez Taboada, dotado con 1.000 euros, e Análises xenómicas en poboacións naturais de Arnica montana L. de Fernando Cabana Porto, distinguido cun accésit.  

A investigación de Álvarez Fernández, realizada como Traballo Fin de Grao no marco da titulación de Enxeñaría Forestal e do Medio Natural que se imparte na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, busca poñer en valor os produtos que o monte pode producir mediante o correcto manexo e xestión dun sistema silvopastoral. O proxecto formula a zonificación en parcelas segundo a ocupación do solo ou das características botánicas actuais, co fin de estudar e establecer as posibles actuacións e tratamentos necesarios para introducir os animais en réxime de pastoreo continuo, nun monte pechado perimetralmente. A carga gandeira establecerase a prol de atopar un equilibrio entre a produción cabalar e a produción madeireira.

Lucía Gómez, do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e do mestrado en Enxeñaría de Montes, abordou, pola súa parte, o comportamento do lume potencial nun monte de piñeiros situado nas parroquias de Mesos e Galegos, do concello de Frades (A Coruña). Realizouse unha estratificación e un inventario para a caracterización do combustible de superficie e do dosel de copas. En base aos datos das variables, determinouse que teselas poderían desenvolver lume de copas, e en cales se propagaría polo dosel. Para as teselas con lume de superficie, estimouse a velocidade de propagación e intensidade lineal, para clasificar o incendio en función da dificultade de control. Este estudo aplicouse en tres escenarios diferenciados polas condicións de queima. Os resultados obtidos amosan que os latizais son máis susceptibles a desenvolver lume de copas, e que a maioría dos lumes potenciais serían pasivos. Ademais, “controlar o incendio potencial sería como mínimo moderadamente difícil, e na maioría das teselas nos escenarios máis severos”, sinala a autora. 

Finalmente, o accésit de Cabana Porto aborda a Arnica montana L., unha planta asterácea con distribución europea. A colleita sen regulación xunto á degradación dos seus hábitats levaron á redución das poboacións desta especie. De feito, está incluída en listaxes vermellas de conservación de varios países da Unión Europea. Ademais, posúe interese farmacéutico debido ás súas propiedades antiinflamatorias. O estudo premiado é a primeira aproximación xenómica na especie para realizar unha análise poboacional e detectar posibles pegadas de selección natural co fin de deseñar posibles propostas de xestión e conservación.

O profesor Crecente
Rafael Crecente Maseda (1964-2015) estaba considerado como un dos grandes expertos en xestión territorial de Galicia. Na súa homenaxe, creáronse estes premios para impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial.

Crecente foi profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela, e o seu labor estivo vinculado principalmente á investigación, sendo director do Laboratorio do Territorio e coordinador do Sistema de Información Territorial (SIT) desta universidade. Así mesmo, participou activamente como investigador en países de Latinoamérica, fundamentalmente en Ecuador, lugar no que impulsou un programa de colaboración, así como en convenios con países de Europa central e do leste. Tamén foi consultor da oficina rexional da FAO en Budapest, profesor invitado na Universidade de Múnich e investigador do IBADER adscrito ao Grupo de Investigación 1934 Territorio-Biodiversidade.

O acto de entrega de galardóns na súa honra desenvolverase o vindeiro 25 de novembro, ás 18.30 horas, no Salón de Actos da EPSE. O acto contará cun relatorio, a cargo de Javier Sanz Larruga da UDC sobre a ordenación do litoral en Galicia. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2024.