Ir o contido principal

Alta participación no encontro internacional de xoves emprendedores

Máis de douscentas persoas participaron no encontro.
Máis de douscentas persoas participaron no encontro.
No concurso presentáronse 10 equipos á convocatoria de proxectos e 27 á de ideas

A décima edición do Encontro Internacional de Xoves Emprendedores (EIJE) que se desenvolve este xoves e o venres na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur) congrega máis de douscentos participantes, entre alumnado universitario e egresadas e egresados.

O principal obxectivo do encontro é contribuír á formación do alumnado para que adquira competencias e coñecementos relacionados co mundo empresarial así como poder participar no concurso que este ano ten como temática o emprendemento e sustentabilidade, con atención especial ao impacto social e ambiental dos negocios.

No conclave está previsto un concurso de ideas de negocio en fase temperá e como novidade este ano tamén en fase madura (proxectos). Ao primeiro presentáronse 27 equipos e ao segundo un total de 10.

O EIJE inaugurouse nun acto institucional no que participaron o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, María do Mar Lorenzo Moledo; a directora xeral de Emprendemento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Margarita Ardao Rodríguez; e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago, María Rozas Pérez.

O encontro continuou coa conferencia de apertura a cargo de Carlota Corzo Álvarez, CEO de Lazzaro, e coa mesa redonda ‘Entre empresas do mesmo sector, colaboramos ou competimos?’ na que participarán as asociacións Creativas Galegas e Cosmética de Galicia. A sesión remata coas presentacións de ideas e proxectos diante do xurado.

A xornada do venres 12 iníciase cun xogo de emprendemento e continuará coa presentación de empresas xoves e diferentes como Kameleon Vintage ou TAKE SCQ así como co relato das experiencias de anteriores EIJES Skeirrum e ITS GREEN.

Esta décima edición do EIJE clausúrase coa presentación dos proxectos que concorren ao concurso e entrega dos premios. Participan nesta final o delegado do Reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Alberto Otero González; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Jose Alberto Díez de Castro; a directora xeral de UNIRISCO GALICIA SCR, Inmaculada Rodríguez Cuervo; o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Autoemprego e Economía Social, Pablo Fernández López.

EIJE
O EIJE comezou en 2014 a iniciativa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e a Escola Superior de Ciencias Empresariais do Instituto Superior Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) coa intención de dinamizar o espírito emprendedor entre o alumnado  das universidades da Raia España-Galicia-Portugal.

Na edición deste ano participan, ademais da USC e o IPVC, a Escola de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC), a Universidade Católica Portuguesa - Centro Regional de Braga, as Universidades de Vigo e A Coruña, os Institutos Politécnicos de Viseu e de Bragança e a Escola Politécnica Superior de Zamora da Universidade de Salamanca.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2024.