A alumna de Relacións Laborais Carmen Souto Villa gaña a terceira edición do Premio Javier Marañón
A alumna de cuarto curso do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos Carmen Souto Villa é a gañadora do Premio Javier Marañón outorgado pola Facultade de Relacións Laborais coa colaboración do Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense. O premio lembra a figura do que fóra director deste centro compostelán co recoñecemento dun/ha alumno/a que acredite un comportamento humano e académico no que se reflictan os valores que exemplificou a persoa que dá nome ao galardón. A terceira edición desta convocatoria concorreron un total de sete propostas, todas elas de mulleres, presentadas por outros tantos grupos da comunidade do centro universitario. O xurado, que tomou a decisión por maioría, integrárono o equipo de dirección que encabeza o profesor Juan José Ares, dous profesores, dous estudantes, un representante do persoal de administración e servizos e un representante do Colexio de Graduados Sociais. O premio está dotado con 600 euros e está patrocinado pola organización colexial. Premio Javier Marañón En virtude dun convenio asinado coa USC a comezos deste ano, o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense patrocina o premio anual ‘Javier Marañón’, recuperando un galardón que toma o seu nome de quen fora director da antiga Escola Social no momento da súa incorporación á USC como Escola Universitaria de Graduado Social. Con esta iniciativa preténdese honrar a memoria do docente, a quen tamén se dedica unha aula da Facultade e recuperar un galardón para un/unha estudante excepcional polos seus valores humanos e académicos.