Ir o contido principal

Ampliado o prazo de matrícula dos cursos do Módulo Jean Monnet

Son dúas propostas formativas sobre Integración Europea e Dereito Privado e ao redor do Goberno Corporativo e a Responsabilidade Social das Empresas

As persoas interesas en matricularse nos cursos do Módulo Jean Monnet disporán de prazo ata o próximo 10 de marzo, logo de que os organizadores destas xornadas ampliasen o prazo de inscrición. Malia a súa orientación xurídica, estes cursos teñen unha clara vocación multidisciplinar estando abertos a estudantes de todas as titulacións da USC, que poderán validalos como créditos de libre configuración. Integración Europea e Dereito privado, por unha banda, e Goberno Corporativo e Responsabilidade Social das Empresas, por outro, serán os temas que se aborden nestas dúas propostas formativas da Área de Dereito Mercantil coa participación do Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC. O curso ‘Integración europea e dereito privado’, que alcanza este ano a súa oitava edición, celebrarase entre os días 17 e 24 de marzo no Salón de Actos da Facultade de Dereito. O seu programa centrarase na análise de cuestións relacionadas coa evolución do proceso de integración europea, o consumo, a publicidade ou a contratación a través de internet. Baixo o lema ‘Goberno corporativo e responsabilidade social’ a sexta edición deste curso repasará as principais reformas no goberno das empresas en España, Europa e en Estados Unidos. O programa desta proposta formativa estenderase do 7 ao 15 de abril, tamén no Salón de Actos da Facultade de Dereito As distintas intervencións incluídas nos programas de ambos os dous cursos impartiranas especialistas xurídicos da USC así como doutras universidades como a de Valladolid, Complutense de Madrid, Alcalá de Henares ou Hamburgo. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao enderezo de correo electrónico elena.carrillo [at] usc.es (elena[dot]carrillo[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.03.2011.