Ir o contido principal

A análise dos dereitos lingüísticos da cidadanía inicia un novo ciclo de conferencia do programa ‘Témoslle lei’

O ciclo desenvólvese no salón de graos de Dereito. Fotos: Alfonso-Servimav
O ciclo desenvólvese no salón de graos de Dereito. Fotos: Alfonso-Servimav
As conferencias celébranse no salón de graos da Facultade de Dereito

Os dereitos lingüísticos da cidadanía foi o argumento central da conferencia coa que a profesora e coordinadora da iniciativa Alba Nogueira abriu este venres 28 abriu un ciclo de conferencia da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito dirixido a achegar recursos que cubran o baleiros dos programas da licenciatura e do grao deste centro. O ciclo permitirá expor os diferentes papeis que lles corresponden aos poderes públicos, como responsables de protexer e fomentar o uso da lingua, e á cidadanía no exercicio dos dereitos lingüísticos así como coñecer experiencias que poidan indicar como regular ou abordar o respecto deses dereitos. Ademais, ofreceranse referentes sociais de profesionais que usan o galego na súa práctica profesional para intentar acadar os obxectivos do Plan de Normalización do Galego da USC dentro da campaña específica para a Facultade de Dereito, Témoslle Lei. Durante o desenvolvemento desta actividade daranse a coñecer os dereitos lingüísticos e a súa protección nos diversos ámbitos (administración pública, xustiza, educación, ámbito privado), de xeito que os/as asistentes teñan a oportunidade de reflexionar, a través da participación nos coloquios posteriores ás conferencias impartidas por especialistas e da elaboración dun traballo persoal, consistente no comentario de sentenzas en relación coa protección e defensa dos dereitos lingüísticos. Programa Logo da inaugural deste venres, as sesións (todas ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade) continuarán o 5 de outubro coa intervención do letrado xefe da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, Xesús Costas Abreu, titulada ‘O poder que nos fala: os dereitos lingüísticos na administración pública’. ‘A Administración de Xustiza: servizo público ou poder sen dereitos lingüísticos?’ será o día 19 a charla do maxistrado do Xulgado do Contencioso nº 2 de Lugo, Luis Villares Naveira, á que lle seguirá o día 26 a profesora de Dereito Constitucional da Universidade de Barcelona Eva Pons Parera que falará dos dereitos lingüísticos no sistema educativo. En novembro será o profesor da Universidade do País Vasco Iñigo Urrutia Libarona quen o día 9 explique a intervención lingüística nas actividades privadas e no sector socioeconómico. O ciclo rematará a mediados dese mes cunha intervención escénica relacionada coa temática e un coloquio posterior. Alba Nogueira iniciou o ciclo cunha reflexión sobre dereitos lingüísticos. Fotos: Alfonso-Servimav

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2012.