Ir o contido principal

Ángel Carracedo presentou en Ciencias da Comunicación o III premio ‘Contar a ciencia’

Foto: GCiencia
Foto: GCiencia

“la Caixa” e o portal GCiencia convocan por terceiro ano consecutivo o premio universitario de comunicación científica Contar a Ciencia, dirixido a estudantes das facultades de comunicación das tres universidades galegas. A convocatoria conta co apoio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e a colaboración das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

O catedrático de Medicina Legal da USC Ángel Carracedo foi o encargado de presentar o premio este xoves nunha clase aberta celebrada en Ciencias da Comunicación de Santiago á que asistiron numerosos estudantes ademais do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. Carracedo destacou na súa intervención a necesidade de mellorar a información que os científicos achegan á sociedade e animou aos futuros xornalistas a poñerse en contacto cos grupos de traballo das universidades galegas para difundir os seus proxectos.

Carracedo explicou que tanto os científicos coma os propios medios de comunicación non están a facer moitos esforzos por difundir os proxectos científicos das universidades galegas. “A comunicación científica faise de xeito moi desigual e sen estándares. Hai traballos da nosa comunidade científica que foron publicados en revistas coma Nature e Science ou no New York Times e que non apareceron nos medios galegos”, indicou.

Ata o 15 de abril
Quen desexe participar no certame debe presentar reportaxes escritas, traballos audiovisuais – tamén fotográficos-- ou a combinación de ambas as dúas modalidades sobre proxectos de ciencia e tecnoloxía que se desenvolvan nunha das universidades galegas. Ata o 15 de abril dispoñen de prazo para presentar as propostas de traballo que, se resultan seleccionadas polo equipo de GCiencia, deberán desenvolver e presentar a finais de abril.

O traballo gañador obterá un premio de 700 euros e un teléfono móbil da compañía galega Primux; ademais haberá un finalista que será premiado cunha tablet da mesma marca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2016.