Ir o contido principal

No último ano, a USC sumou quince patentes concedidas fóra de España

Luís Otero durante a súa intervención no foro. FOTO: Lorena do Merlo
Luís Otero durante a súa intervención no foro. FOTO: Lorena do Merlo
Os datos foron presentados no transcurso dunha xornada organizada coa firma ABG Intellectual Property para acercar o sistema de protección legal das invencións ás empresas e ao persoal científico e investigador
Lugo, Santiago de Compostela

“En 2022 a Universidade de Santiago conseguiu a concesión e 15 patentes fóra de España. Ademais, os ingresos en concepto de royalties ascenden a 100.000 euros anuais, correspondentes a tecnoloxías protexidas mediante patente pero tamén mediante secreto empresarial”. Con estes datos, o delegado do Reitor para Transferencia de Coñecemento da USC, Luís Otero, participou no arranque do seminario IP Perspectives Galicia que organiza a área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración coa firma especializada en propiedade industrial ABG Intellectual Property.

O obxectivo da xornada foi achegar o sistema de protección legal das invencións ás empresas innovadoras e ao persoal científico e investigador. Nesta liña, Juan Arias, socio director da firma, sinalou durante a apertura do evento que “solicitar patentes ou outros dereitos de propiedade industrial para os avances que se conseguen no laboratorio é o primeiro paso para que estes cheguen aos cidadáns e se transformen en industria e empregos de calidade”.

Nestes últimos 20 anos, como se explicou no arranque das xornadas, a USC mantivo unha intensa actividade de fomento da constitución de empresas baseadas no coñecemento, cunha carteira que na actualidade aproxímase á trintena de sociedades. Como apuntou Luís Otero o percorrido na protección de coñecemento da universidade compostelá iniciouse no ano 88, cando se presentou a primeira solicitude de patente e que, na actualidade, conta cuns 300 casos de patentes activos. “A USC é un exemplo para outras universidades públicas en materia de protección da propiedade industrial”, engadiu Arias.

Á vista destes datos, e como se puxo de manifesto no debate desenvolvido ao fío do programa IP Perspectives Galicia, a Universidade de Santiago atópase ben situada para abordar o impulso da transferencia que se recolle na nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), a Lei da Ciencia e o Plan de Transferencia. Así mesmo, na súa intervención, o delegado do reitor tamén destacou o compromiso da USC coa transferencia do coñecemento, co aumento de 330.000 euros no presuposto da área de valorización, a dotación de novos profesionais, o deseño de novos programas de valorización, de espazos de incubación e de colaboración coas empresas.

O interese pola xornada IP Perspectives Galicia xa se plasmou nas dúas edicións anteriores celebradas en formato dixital e confirmouse tamén neste primeiro ano en versión presencial no que o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) completou a capacidade do espazo. A temática do seminario relacionada con dous sectores considerados estratéxicos para a economía galega como son as ciencias da saúde e a investigación dos materiais, así como a calidade dos relatores de ABG Intellectual Property, son as razóns que dende a organización apuntan para a boa acollida da iniciativa.

Patentes en Galicia

O obxectivo último de protexer as invencións mediante patentes e outros dereitos de propiedade industrial é poder impedir que outros se beneficien dos desenvolvementos, o que ao cabo resulta nunha maior atracción do investimento necesario para que a innovación se transfira á sociedade. Exemplo diso é a empresa ourensá Oncostellae, unha biofarma fundada en 2013 dedicada ao desenvolvemento de novos fármacos que alcanzou varios acordos de licenza con grandes farmacéuticas e cuxo director xeneral, Guido Kurz, compartiu o seu proxecto cos asistentes.

Entre as conclusións que deixa o seminario IP Perspectives están os datos de solicitudes de patentes galegas de 2022: 67 rexistráronse ante a Oficina Española de Patentes e Marcas, mentres 59 invencións optaron pola Oficina Europea. A suma de ambas é inferior ao resultado obtido pola autonomía no exercicio anterior (cando foron 134) e o seu impulso é necesario para fortalecer un tecido industrial baseado no coñecemento e o progreso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2023.