A Asemblea Xeral Ordinaria da Federación Española de Asociacións de Estudantes de Medicina para a Cooperación reunirase na USC
A Federación Española de Asociacións de Estudantes de Medicina para a Cooperación Internacional (IFMA-Spain) celebrará entre os días 23 e 28 próximos a súa LIII Asemblea Xeral Ordinaria en Santiago de Compostelá. O programa do evento presentárono en rolda de prensa o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, Juan Gestal, a quen acompañaron a presidenta de ME.I.GA (Medicina Intercambios Galicia), Miriam Blanco Longa, e o coordinador de Formación de IFMSA-Spain e membro de ME.I.GA, Andrés Marín Arteaga, ambos os dous integrantes do comité organizador local. A inauguración da Asemblea celebrarase o vindeiro domingo 23 no Salón de Actos da Facultade de Medicina e contará coa asistencia dos máis de 200 participantes que participan na Asemblea. Os encontros das restantes xornadas celebraranse en Gandarío. Ao día seguinte, o luns 24 comezarán as sesións dos distintos grupos de traballo e o primeiro plenario no que se inclúe unha asemblea extraordinaria. Este será o esquema de traballo para os seguintes días ata o venres 28, unha xornada reservada a actividade cultural e social. IFMSA Fundada en Copenhague en 1951, IFMSA -International Federation of Medical Students Associations- é unha das maiores organizacións de estudantes do mundo, agrupando na actualidade a máis de 1.200 facultades de Medicina en máis de 100 países, o que a converte na maior organización de estudantes de Medicina. España é membro de pleno dereito de IFMSA dende 1964, sendo a agrupación española unha entidade de carácter non gubernamental e sen filiación política que se basea nunha estrutura federal, integrada por 22 comités locais presentes nas súas respectivas facultades de Medicina. A Asemblea Xeral, que se reúne de xeito anual, é o órgano supremo de decisión deste colectivo en España. Nestas xuntanzas decídese a renovación dos cargos electos da Xunta Directiva Nacional, a aprobación dos orzamentos e a elaboración do plan de acción para o ano seguinte. Como apuntaron os seus promotores, este encontro é o máis importante para o funcionamento de IFMSA-Spain e nel teñen lugar trainings, talleres de capacitación e habilidades en técnicas de comunicación, xestión de proxectos, coordinación de grupo, traballo en equipo ou funcionamento interno dos propios comités locais.; talleres e mesas redondas sobre saúde global, converxencia europea, necesidades formativas do estudantado ou ética médica, entre outros; ademais de charlas de convidados especiais. Misión de IFMSA-Spain A Federación ten como misión central potenciar unha formación médica que atenda á vertente científica e á humanística, máis integral e aberta ás correntes internacionais; así como fomentar a cooperación local e nacional con outras asociacións estudantís; promover as relacións entre estudantes de Medicina mediante programas nacionais e internacionais, así como a súa mobilidade; ou actuar como foro de debate para os estudantes galegos en temáticas como a saúde pública e a educación. Ademais de dirixir e coordinar as actividades do estudantado de Medicina participante en IFMSA-Spain, a Federación aspira a contribuír á consecución do obxectivo ‘Saúde para todos’ fixado pola OMS, colaborando ao intercambio de culturas entre os pobos en beneficio do desenvolvemento global dos máis desfavorecidos.