Ir o contido principal

A Aula TIC-Pemes entrega este mércores os diplomas ás persoas formadas co proxecto ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’

O acto de clausura desta iniciativa de achegamento á sociedade da información e ás TIC comezará ás 19.00 horas, na Aula Magna da Facultade de ADE

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a coordinadora da Aula TIC-Pemes da USC, Ángeles López Cabarcos, entregarán este mércores os diplomas ás persoas que participaron no proxecto de achegamento á sociedade da información e ao eido das TIC ao abeiro do proxecto ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’, unha iniciativa de voluntariado que conta con financiamento da Fundación La Caixa. O acto de entrega de diplomas ás 9 persoas con discapacidade intelectual e residentes no Centro San Vicente de Paúl de Lugo que durante oito semanas recibiron formación en materia TIC e ampliaron o seu coñecemento sobre o uso de distintas de aplicacións de ofimática e internet (internet, correo, chat, word, excel, ppt, retoque fotográfico..., desenvolverase a partir das 19.00 horas na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. O programa ‘Abrimos unha fiestra ao mundo para TI(C)’ é unha iniciativa que se axusta ás pretensións que propiciaron a creación da da Aula TIC-Pemes da USC, entre cuxos obxectivos está a activación de propostas e proxectos de formación e asesoramento de capital humano asociado ás TICs, o traballo na formación continua ao longo da vida laboral a través da xeración de ofertas específicas que favorezan o acceso aos recursos e medios máis novos no ámbito das TIC. A actividade, de marcado perfil solidario e que afonda no compromiso e na responsabilidade social da Universidade de Santiago de Compostela, pretende contribuír a ampliar a oferta formativa dun colectivo en risco de exclusión social, tal e como é o caso das persoas con discapacidade intelectual, a fin de mellorar o seu grao de empregabilidade e evitar que permanezan illadas da sociedade da información. O proxecto da Aula TIC-Pemes da USC botou a andar no mes de novembro co proceso de selección de universitarios/as voluntarios/as interesados/as en participar. Unha vez rematada a selección de candidatos/as, os escollidos/as completaron un programa de formación específico no que adquiriron as habilidades e competencias precisas para desenvolver este programa de alfabetización informática de persoas con discapacidade intelectual. Unha vez completado este proceso de formación, este grupo de voluntarias universitarias achegou, en calidade de titoras, a outras tantas persoas con discapacidade intelectual ao mundo das TIC nas distintas sesións presenciais desenvolvidas todos os mércores dos meses de febreiro e marzo nunha das aulas de informática da Facultade de ADE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2014.