Ir o contido principal

campUSCulturae analiza en Polonia a relación entre as cidades e as súas universidades

Un congreso internacional reunirá a expertos dunha ducia de universidades os días 30 e 31 de maio na cidade polaca de Lodz

Analizar o papel que desenvolven as universidades na promoción das cidades e das rexións é o obxectivo do Congreso Internacional ‘The role of universities in promotion of cities and regions’ que organiza campUSCulturare e a universidade polaca de Lodz para os días 30 e 31 de maio. No encontro participarán como relatores expertos de universidades de Lyon 3 (Francia), North Carolina & Charlotte (EUA), Lodz, Wroclaw e Jagiellonian (Polonia), Lviv (Ucraína), Pavía (Italia), Yakutsk (Rusia), Taiwan e das universidades españolas a de Santiago e Granada, que exporán os casos concretos das cidades que albergan as institucións académicas e analizarán a incidencia desta cuestión na construción de tecidos culturais e económicos. O caso da cidade de Santiago de Compostela e a súa relación coa USC será exposto polo profesor do Departamento de Ciencias da Comunicación, Xosé A. Neira Cruz, quen presentará un relatorio sobre os vencellos entre Universidade e cultura e a súa repercusión na promoción da cidade de Santiago. O congreso de Lodz contará tamén coa participación de axentes e promotores económicos e turísticos desta cidade e foi organizado polo profesor Tomasz Domanski, decano da Facultade de Estudos Políticos e Internacionais da cidade de Lodz e membro do equipo campUSCulturae. Paralelamente ao congreso, a universidade polaca achega ao proxecto a exposición ‘European fairytales illustrations by Young Polish artist’, unha mostra que recolle a obra dun grupo de artistas emerxentes en Polonia vencellados á ilustración de libros infantís e xuvenís. A iniciativa, comisariada pola artista Joanna Wiszniewska Domanska, viaxará por outras cidades polacas e finalmente achegarase ata Compostela, para formar parte das propostas do Museo Internacional da Ilustración que promove o proxecto campUSCulturae.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2014.