Ir o contido principal

A Cátedra Inditex tece vínculos entre as universidades de Oxford e Daca

V Seminario de Estudos Iberoamericanos
V Seminario de Estudos Iberoamericanos
O V Seminario de Estudos Iberoamericanos serviu para que destacados hispanistas da institución británica levasen o seu labor docente e investigador a Bangladesh
Santiago de Compostela

A Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas da Universidade de  Daca, dirixida no bienio 2019-2021 por Santiago Fernández Mosquera, catedrático da USC, acaba de celebrar o V Seminario de Estudos Iberoamericanos. O obxectivo deste seminario internacional foi levar a Bangladesh a visión que da lingua e a cultura española ten a Universidade de Oxford. 

Os profesores da devandita institución Jonathan  Thacker, Diana  Berruezo-Sánchez, Ben  Bollig e Oliver Noble Wood, xunto coa profesora da propia Cátedra Inditex, Amparo Rodrigo  Mateu, desenvolveron relatorios nos que presentaron, ante o alumnado e profesorado da Universidade de Daca, o labor docente e investigador realizado historicamente pola súa universidade, así como en xeral no ámbito do Reino Unido, tanto na lingua como na literatura e cultura española e  hispanoamericana.

“A presenza destes  hispanistas subliñou a importancia das relacións da Cátedra Inditex cos ámbitos académicos máis representativos fóra do contexto estritamente español e permitiu a alumnado e profesorado de Bangladesh, coñecer novos acentos e diferentes visións da lingua e a cultura que nestes momentos están a estudar os aproximadamente cincocentos alumnos da Cátedra Inditex”, destacou Fernández Mosquera. O seminario foi inaugurado por Mohammad Akhtaruzzaman, reitor da Universidade de  Daca, e foi seguida polas intervencións do embaixador de España en Bangladesh, Álvaro de Salas Jiménez de Azcárate e do propio director da Cátedra. O acto contou tamén coa presenza da vicerreitora de Internacionalización da UDC, Pilar García de la Torre.

Promoción da cultura

A Cátedra Inditex de Lingua e Cultura Españolas é o resultado do convenio asinado entre Inditex, no marco da súa política de Responsabilidade Social Corporativa, con USC, UDC e a Universidade de  Daca en Bangladesh. A Cátedra ten como obxectivo a promoción da lingua e a cultura españolas en Bangladesh a través de diversas actividades académicas e de difusión cultural, entre as que destacan os cursos anuais de lingua e cultura españolas, o programa de bolsas de mobilidade de estudantes e a organización de eventos artísticos de especial relevancia.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2020.