Ir o contido principal

Cine documental taiwanés na Facultade de Filosofía

Cine documental taiwanés na Facultade de Filosofía
Cine documental taiwanés na Facultade de Filosofía

A Universidade de Santiago acolle a vindeira semana a terceira edición da mostra itinerante de cinema taiwanés ‘Taiwán en pantalla’ que nesta ocasión trae á Facultade de Filosofía catro traballos documentais. Todas as proxeccións terán lugar ás 19.00 horas e realizaranse en versión orixinal con subtítulos en castelán.

O ciclo comeza o luns 11 coa proxección do documental ‘ Sing it’ (2009), do director Yang ChihLin, e que retrata a xornada dun grupo de nenos e nenas dunha escola de primaria en Bunun, comunidade aborixe no centro de Taiwán, que aprenden cómo crecer na súa contorna a través da música.

A seguinte proxección será o martes 12 con ‘Doctor’ (2006), de Chung Monghong, unha cinta de cinema experimental que narra a conexión de dous nenos aparentemente sen nada en común pero ao que lles une un emigrante taiwanés en Estados Unidos.

Grandma’s Hairpin’ (2000) é o título da obra que se poderá ver o 13 de abril. A través do relato dos seus familiares próximos, a directora Chu-Chen Hsiao constrúe a historia oral das forzas nacionalistas do Kuomintang que en 1949, ao remate da guerra civil china, se retiraron a Taiwán levándose con eles 600.000 soldados e as súas familias. A cinta comeza como un álbum familiar privado e acaba converténdose nun retrato histórico que fronte ao discurso crítico dos isleños pola ocupación presenta a estes veteranos como outras vítimas.

O ciclo rematará o xoves 14 coa proxección de ‘ Spring’ (2002), na que WenChen Tseng recolle a historia dunha muller nacida durante a ocupación xaponesa do país que, tras ingresar no partido comunista chino, sería capturada e recluída como prisioneira nun campo de concentración.

O ciclo organízao o Ministerio de Cultura de Taiwán e a Oficina Económica e Cultural de Taipei en colaboración na USC co seu Centro de Linguas Modernas, que o enmarca no abano de actividades culturais que celebra cada ano relacionadas coas linguas orientais como o chinés e o xaponés, que xa contan cunha longa tradición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.04.2016.