Ir o contido principal

Clausurouse a XXIII edición dos cursos de Lingua e cultura galegas para estranxeiros e para españois de fóra de Galicia

Participaron un total de 85 estudantes de 27 nacionalidades distintas
Participaron un total de 85 estudantes de 27 nacionalidades distintas

A XXIII edición dos cursos de Lingua e cultura galegas para estranxeiros e para españois de fóra de Galicia, na que participou un total de 85 estudantes de 27 nacionalidades distintas, clausurouse este xoves na Facultade de Filosofía. Ao acto asistiron o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Durán Villa; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez Blanco; e o director dos Cursos, Francisco Fernández Rei. Nas vinte e tres edicións que levan estes cursos, organizados pola Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, participaron xa máis de 2.200 alumnos e alumnas de moi diversos países de todo o mundo.

Este verán o alumnado procedía de Alemaña, Arxentina, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Costa Rica, Croacia, Cuba, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Indonesia, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Perú, Polonia, Portugal, Romanía, Rusia, Ucraína e Xapón.

De dereita a esquerda, Francisco Fernández, Méndez Ferrín, Francisco Durán, Anxo Lorenzo e Rosario Álvarez

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.07.2010.