Comeza a actividade académica dos cursos do Centro de Linguas Modernas
O Centro de Linguas Modernas (CLM) comeza estes días o calendario académico dos seus cursos semestrais e anuais de idiomas estranxeiros, galego e catalán tanto en Santiago como no Campus de Lugo. Ademais, o CLM organizará o xoves 24 un concerto con entrada libre e aberto a todos os públicos de The Bloody e os Maris co que ademais de celebrar o inicio do curso se conmemorará o Día das linguas europeas e o 40 aniversario deste centro universitario. A sesión comezará ás 20.30 horas na cafetería SEU en Campus Vida. O alumnado que aínda non as realizara terá este venres 25 unha última oportunidade de realizar as probas de nivel de inglés (na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais ás 15.00 horas) e de alemán (na mesma facultade ás 10.30 horas). Aquelas persoas interesadas noutras linguas deberán dirixirse aos coordinadores das seccións da lingua en cuestión. Como novidade fronte anteriores anos, o CLM incorporará as horas de traballo autónomo, o que permitirá ao alumnado centrarse nas destrezas que máis necesita mellorar e así intensificar a súa aprendizaxe. Como explica a directora do CLM, Katerina Vlasakova, esta medida garante a maior calidade para o/a alumno/a e reflectirase tamén no cómputo de créditos, xa que por cada 40 horas presenciais e outras 10 de traballo autónomo poderanse validar dous créditos e por cada curso de 80 horas e outras 20 horas de traballo un total de catro créditos. Unha oferta de idiomas maior, novas modalidades orientadas á aprendizaxe de linguas estranxeiras en contextos informais, o recoñecemento do traballo autónomo e novas vías de acreditación son algunhas das novidades que afrontará o Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) este curso 2015-2016.