Comeza en Dereito unha nova edición do posgrao da USC que forma especialistas en mediación
A Sala de Prensa do Decanato da Facultade de Dereito acolle este venres 9 ás 20.00 horas a inauguración do Máster de Mediación da USC. O acto estará presidido polo reitor Juan Casares e nel participan ademais a directora do posgrao, Raquel Castillejo Manzanares; a presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Sofía Riveiro Olveira; a vicedecana de Asuntos Académicos da Facultade anfitrioa, Isabel Espín Alba; e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada. Este posgrao propio da USC busca a formación de profesionais con dominio nas técnicas de mediación nos diferentes ámbitos nos que se poida dar un conflito, como serían o empresarial, o familiar, o das adopcións, o dereito de menores ou a responsabilidade civil, entre outros moitos. A insuficiencia da resolución dos conflitos pola tradicional vía xurisdicional faise patente sobre todo no ámbito das relacións familiares, aínda que tamén noutros nos que o denominador común é a continuidade da relación entre as persoas, como pode ser o caso de conflitos escolares, laborais ou empresariais. Neste contexto, a mediación aparece como unha forma de resolución alternativa a través da cal as partes chegan por si mesmas a unha solución.