Ir o contido principal

Comeza a devolución de bicicletas nos campus da USC

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Participación, comeza este mércores, 9 de xuño, a recollida das 300 bicicletas postas a disposición dos membros da comunidade universitaria no marco do Programa de préstamo deste curso. O calendario de datas para a devolución está fixado para catro días do presente mes e dous en setembro para que aqueles ciclousuarios que o desexen podan dispor da bicicleta nos meses de verán. Todas as datas e a información sobre o lugar e procedemento da entrega poden consultarse na web do Programa.

Preto de 400 persoas solicitaron participar nesta cuarta edición, das que 330 eran estudantes, 21 persoal docente e investigador e 18 persoal de administración e servizos. A Facultade de Medicina e Odontoloxía foi o centro con maior demanda, cun 15% do total, seguido pola Escola Politécnica Superior de Lugo cun 13%.

A iniciativa enmárcase na campaña de mobilidade sostible impulsada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC que busca divulgar entre os membros da comunidade universitaria aquelas formas de transporte máis respectuosas co medio ambiente. Entre outras medidas postas en marcha cómpre salientar o convenio firmado con establecementos de Santiago (Bicicletas Oliveira) e Lugo (Hijos de Félix Latorre) para descontos na compra de bicicletas e material adicional para os ciclistas ou a elaboración dunha ruta en bicicleta unindo os campus de Compostela.

Os hábitos de transporte da comunidade universitaria vanse modificando nos últimos anos. Segundo un estudo realizado pola Oficina de Desenvolvemento Sostible en decembro de 2009, un 61% soe desprazarse a pé aos seus centros de traballo/estudo, o que constitúe un incremento do 7% respecto ao 2007; un 29% faino en automóbil, cunha redución do 26% respecto a ese ano; un 20% en autobús, incremento do 31%; e un 4% en bicicleta, o dobre que hai tres anos.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2010.