Ir o contido principal

Comezou en Bioloxía o encontro en Compostela da Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas

Este venres celebrará na USC o seu Pleno, que preside o reitor Juan Casares

A Comisión de Internacionalización e Cooperación das Universidades Españolas (CICUE) iniciou este xoves 8 en Compostela unha xornada de traballo que precederá á celebración do seu Pleno o venres 9. A xuntanza dos grupos de traballo sobre cooperación universitaria ao desenvolvemento e sobre internacionalización abriu o encontro na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. Na primeira xornada e logo de iniciadas as sesións dos grupos de traballo, Lucca Pirozzi, da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, impartiu unha conferencia sobre o programa Erasmus + na que tratou as características deste programa. Pola tarde, a partir das 15.00 horas, reanúdanse os encontros dos grupos de traballo de cooperación ao desenvolvemento e de mobilidade, dando paso á conferencia do catedrático de Economía Aplicada da Complutense de Madrid José Antonio Alonso titulada ‘A cooperación española na axenda post 2015’. O pleno da CICUE celebrarase o venres 9 a partir das 9.00 horas na Aula Magna da Facultade de Bioloxía presidido polo reitor Juan Casares. A quenda de intervencións principiará ás 9.30 horas coa presenza de Luís Delgado, da secretaría xeral de Universidades, nunha mesa sobre a estratexia de internacionalización e mobilidades das universidades españolas que está elaborando o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Deseguido, o coordinador local da Universidade de Granada no proxecto Erasmus VMOCLAB presentará a experiencia deste proxecto en materia de mobilidade virtual. A partir das 11.30 horas celebrarase o pleno de CICUE no que ao informe do presidente e dos coordinadores dos grupos de traballo sumarase a elección da persoa que coordinará o grupo de Cooperación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2014.