Comezou en Dereito o curso que analiza os métodos de investigación criminal en España
O Salón de Actos da Facultade de Dereito acolle este xoves 26 e o venres o curso ‘ Testemuñas que nunca menten: métodos e técnicas de investigación criminal en España’, organizado polo Instituto de Criminoloxía da USC e dirixido por Fernando Vázquez-Portomomeñe e Gumersindo Guinarte. Tras a inauguración, interveu o catedrático de Medicina Legal da Facultade de Medicina de Coimbra e director do Instituto Nacional de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Portugal, Duarte Nuno Vieira, coa conferencia ‘Identificación de persoas e documentación en casos de tortura e tratos inhumanos e degradantes’. Seguiulle o catedrático de Medicina Legal da USC José Ignacio Muñoz Barús co relatorio ‘A estimación do intervalo post mórtem: ¿realidade ou ficción?’. A sesión matinal completouse cunha mesa redonda sobre as autopsias na que participarán o director do Imelga, Benito López de Abajo, e a catedrática de Medicina Legal da USC, María Sol Rodríguez Calvo. A tarde comeza coa intervención da subdirectora xeral de Intervención e Políticas Viais da Dirección Xeral de Tráfico, Mónica Colás Pozuelo, sobre os cambios na normativa de implantación de controis de drogas no tráfico rodado. Seguiralle o catedrático de Toxicoloxía da USC Manuel López Rivadulla para explicar o papel do Laboratorio de Toxicoloxía Forense. A xornada remata cunha mesa de debate ás 19.00 horas sobre o ADN na investigación criminal, coa intervención da investigadora do Instituto de Ciencias Forenses da USC Vanesa Álvarez Iglesias e o profesor de Medicina Legal Antonio Salas Ellacuriaga. Sesión do venres
Na sesión do día 27 examinaranse aspectos da investigación policial e xudicial en materia criminal, de maneira que se profundará na inspección ocular na escena de crimes violentos, na investigación do crime organizado e do narcotráfico, na investigación policial de delitos cometidos por medios tecnolóxicos (pornografía infantil, por exemplo) e na importancia dos laboratorios de investigación criminal. Intervirán profesionais dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado con experiencia en labores de investigación criminal e policía xudicial, así como o maxistrado Vázquez Taín, o xefe da Sección de Operacións da Garda Civil en Galicia e ox efe Superior de Policía de Galicia.