Conclúe o primeiro Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero
O primeiro Encontro Interdisciplinar de Historia de Xénero conclúe este venres 8 de abril, despois de numerosos relatorios nos que se analizou o papel das mulleres na historia a través de diversas perspectivas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía dende o pasado mércores 6. A xornada de hoxe comeza ás 9:15 horas cunha exposición da profesora de Historia Contemporánea da USC Isaura Varela González sobre o ‘Vicio clandestino e mulleres marcadas. A prostitución feminina no século XIX e principios do XX’. Así mesmo, a profesora María Jesús Souto, falará sobre a represión directa e transitiva contra as mulleres na guerra civil. O programa desta terceira e última xornada complétase con asuntos como a actividade laboral das mulleres, o feminismo galego, o ensino da historia dende a perspectiva de xénero e a construción da identidade de xénero e os medios de comunicación, entre outros. O encontro clausurarase ás 20:15 horas.