Ir o contido principal

Conferencia de Josef Ajram na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago

Josef Ajram, corredor de Bolsa, deportista nas probas máis esixentes do ultrafondo e carismático comunicador no ámbito das competencias, tanto profesionais como persoais, participará este venres 24 no ciclo ‘Afronta o teu futuro profesional’ da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago. O acto, organizado en colaboración co ClubFinanceiro de Santiago, desenvolverase ás 12.00 horas no Salón Graos da facultade. Con esta conferencia a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais continúa co programa de actividades relacionadas coa mellora da empregabilidade e o fomento das habilidades emprendedoras dirixido ao alumnado de calquera das titulacións da USC, fundamentalmente dos últimos anos de grao e máster. Ajram compartirá a súa visión da vida e os negocios, na que se mesturan a planificación e a autoesixencia coa procura dun camiño propio, a confianza nun mesmo e a ruptura dos límites de cada un. O conferenciante, despois de triunfar na Bolsa, onde traballa o sector do day trading (operacións de compra e venda nun mesmo día), dedicouse ao deporte. Participa con éxito en probas de gran esixencia física, especialmente o triatlón extremo. Na súa faceta de coach, imparte conferencias, unindo a experiencia deportiva coa empresarial. É, ademais, unha das personalidades españolas máis coñecidas no ámbito das redes sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2015.