Ir o contido principal

Conferencia e seminario de Jorge Dubatti sobre estudos teatrais

Unha representación do grupo de teatro da USC en Lugo
Unha representación do grupo de teatro da USC en Lugo
As sesións desenvólvense no marco de Pasaxes, o seminario permanente de Teoría literaria e Análise cultural

O especialista en estudos teatrais Jorge Dubatti, catedrático da Universidade de Bos Aires (UBA), impartirá o vindeiro 6 de maio na USC a conferencia ‘Acontecemento teatral e territorialidade’, enmarcada na terceira edición de Pasaxes. Seminario permanente de Teoría literaria e Análise cultural. A charla será ás 12.00 horas na sala B03 da Facultade de Filoloxía.

Ademais, o mércores 8 de maio o profesor Dubatti ofrecerá o seminario ‘Filosofía do Teatro e Estudos Comparados de Expectación, aberto ao PDI e ao alumnado de mestrado e doutoramento do centro. Este seminario desenvolverase de 12 a 14 horas na sala B13 da facultade.

Jorge Dubatti é catedrático de Historia do Teatro Universal na UBA, onde dirixe o Instituto de Artes do Espectáculo ‘Dr. Raúl H. Castagnino’ da Facultade de Filosofía e Letras. Ademais de fundar e dirixir, desde 2001, a Escola de Espectadores de Bos Aires, participou na apertura de 85 escolas de espectadores en diversos países e, entre 2001 e 2023, traballou como subdirector do Teatro Nacional Cervantes. 

Desde 2023 é académico de Número da Academia Argentina de Letras e membro correspondente da Real Academia Española. Entre os seus libros destacan Filosofía del Teatro I, II e III, Teatro y territorialidad e Estudios de teatro argentino, europeo y comparado. Na actualidade dirixe o proxecto de investigación ‘Historia Comparada de las/los espectadores de teatro en Buenos Aires 1901-1914’. 

Pola súa banda, ‘Pasaxes’ é unha iniciativa do grupo de investigación Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Instituto de Investigaciós Bibliográficas da Universidade Nacional Autónoma de México que busca ser un foro para o intercambio de ideas con especialistas en estudos literarios e culturais. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2024.