‘Somos a curta!’ volverá conxugar humor e lingua na súa segunda edición
O día 7 de novembro é a data límite para participar no certame Somos a curta!, que por segundo ano consecutivo pon en marcha a Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación coa colaboración da Liga Estudantil Galega e o Servizo de Normalización Lingüística. Diríxese ao alumnado de bacharelato artístico, das diferentes escolas de Imaxe e Son e das tres universidades galegas para premiar as mellores pezas audiovisuais curtas de comedia realizadas en galego. As curtas, cuxa duración non pode sobrepasar os 10 minutos, deben elaborarse en lingua galega coa intención de promover o idioma nun eido clave para a sociedade como o audiovisual. Os dous proxectos mellor valorados (por un xurado profesional) recibirán 400 e 200 euros, respectivamente, e ademais entregarase un premio á curta con maior acollida entre o público. O pasado ano Longa noite de verga fíxose co máximo galardón. Sexo, literatura e enxeño foron os ingredientes dunha orixinal obra que se pode visionar a través do perfil de Facebook da Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación.