Docentes de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais debaten na USC sobre a gobernanza dos mares e océanos
A Facultade de Dereito é este venres e o sábado 16 punto de referencia para docentes españois e portugueses de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais que se reúnen para debater sobre a gobernaza dos mares e océanos. O reitor Juan Casares inaugurou as xornadas nun acto no que tamén interviñeron o decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez Macho, os directores dos encontros, os profesores Jorge Pueyo Losa e Wladimir Brito, e o secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural e do Mar, Francisco Vidal-Pardo. Deseguido, o profesor da Universidade Técnica de Lisboa e presidente da Sociedade Portuguesa de Dereito Internacional, Manuel Almeida, pronunciou a conferencia inaugural ‘ A convención de Montego Bay: 30 anos despois’. A preservación do medio mariño e a administración dos recursos foi o tema que agrupou as intervencións da primeira sesión dos encontros que presentou o catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Valencia, José Juste Ruiz. A sesión da tarde versa sobre a seguridade internacional, a seguridade humana e a regulación dos océanos, e preséntaa o profesor da Universidade de Coimbra José Manuel Pureza.
A xornada do sábado dará comezo ás 10.00 horas cun relatorio sobre a Unión Europea e a ordenación dos mares a cargo do catedrático da Universidade de Sevilla, Pablo Antonio Fernández Sánchez, ao que lle seguirá un debate e a clausura na que participarán o catedrático emérito da Universidade Complutense de Madrid, Manuel Pérez González, e os docentes María Teresa Ponte Iglesias e Wladimir Brito.