Docentes de Odontoloxía acadan o premio Gaceta Dental ao mellor libro do ano 2022
O volume Protocolos clínicos necesarios en la endodoncia y en la reconstrucción del diente endodonciado dos profesores Benjamín Martín Biedma e Pablo Castelo Baz acaba de ser recoñecido co ‘Premio Gaceta Dental. Mellor libro do ano 2022’. A entrega do galardón celébrase este xoves 15 en Madrid.
O contido do libro de 400 páxinas está centrado “no ámbito renovador da nova filosofía da endodoncia predicible”, explican os seus autores. Como engaden, “sendo en esencia un libro científicos para consulta, permite un uso máis xeral e aberto como obra amable para a lectura e a comprobación gráfica, xa que ten unha narrativa propia e inclúe imaxes detalladas de casos reais”. En opinión dos profesores Martín Biedma e Castelo Baz trátase dun manual práctico para coñecer o ciclo que une os procedementos de endodoncia e da reconstrución, coa consideración do fomento e desenvolvemento de novos materiais e instrumentos. Tamén é un libro de protocolos que proporciona apoio para a detección dos diferentes problemas e presenta propostas de vangarda para a súa resolución.
En resumen os seus autores, definen a obra premiada como unha guía rápida de consulta que ofrece reflexión e solucións para aqueles profesionais que se enfrontan a un problema clínico e necesitan unha resposta inmediata. Actualmente é un dos cinco libros máis vendidos sobre endodoncia. Articulado en 22 capítulos, na súa redacción colaboran preto de 40 especialistas de todas as universidades españolas que imparten a especialidade así como unha representación internacional na que destacan Giuseppe Cantatore como impulsor da nova filosofía da endodoncia, Sidney Kina, Ivan Ronald ou Dario Adolfi.
Os autores
Benjamín Martín Biedma é profesor do Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas na Facultade de Medicina e Odontoloxía e director do programa de doutoramento de Odontoloxía da USC, director da unidade docente de Odontoloxía Conservadora da USC e director do mestrado internacional teórico-práctico de Endodoncia avanzada, Odontoloxía restauradora e Estética (ENDORE). Docente no mesmo departamento, Pablo Castelo Baz é codirector de ENDORE.