Docentes da USC participan nas Xornadas Hispano-Portuguesas sobre o branqueamento dental
Os profesores de Estomatoloxía Benjamín Martín Biedma e José Gonzalez Bahillo, xunto con outros colaboradores do Departamento e representantes das universidades de Valencia, Complutense de Madrid, Internacional de Cataluña e Oporto, participarán os días 20 e 21 nas XI Xornadas de Branqueamento Dental no Liceo de Noia (A Coruña), sendo a primera vez que se fan estas Xornadas no ámbito da península ibérica. Durante as Xornadas debaterase sobre o branqueamento dental en todos os seus aspectos, a efectividade a curto e medio prazo, os efectos secundarios, as novas lexislacións europeas e a incorporación das novas tecnoloxías a este tratamento estético “cada vez máis demandado socialmente” , sinalan os promotores do curso. De feito, segundo as estimacións dos expertos, “o ano pasado os españois gastaron 3.173.000 euros en branqueamento dental, cun incremento dun 4,4% con respecto a 2012”. As xornadas servirán para presentar os traballos de investigación realizados nas distintas universidades e para facer unha posta en común e actualizada sobre este tema. No ámbito das novas tecnoloxías disertarán os profesores Carlos e Jesús Oteo Calatayud, da Universidade Complutense de Madrid, e a profesora Eunice Carrilho da Universidade de Coimbra. Tamén estará en Noia o brasileiro Christian Higashi, figura mundial sobre branqueamento dental e recoñecido autor de numerosos artigos sobre estética dental.
A celebración das Xornadas conta coa colaboración de institucións locais, como o Concello e o Liceo de Noia e Noia Saudable, así como institucións provinciais, Colexio Provincial de Odontoestomatólogos da Coruña, e a propia Universidade, a través da Unidade de Patoloxía e Terapéutica Dental da Facultade de Medicina e Odontoloxía.